Hoxe damos un novo paso adiante no desenvolvemento do Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo público non universitario de Galicia (Acordo sobre Medidas de Mellora), un paso que responde á necesidade de adaptar a organización do sistema educativo ás demandas actuais e futuras e que supón un avance de carácter histórico na mellora das condicións do profesorado e na calidade do ensino público galego.

Froito do diálogo e do traballo constante entre CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF e a Consellería de Educación, nas vindeiras semanas pasará polos órganos correspondentes de negociación E APROBARASE unha proposta normativa para implementar a 1 de setembro de 2026 as seguintes medidas:
🟥 Recuperación das 18 sesións lectivas con 23 sesións de permanencia fixa semanal no centro para Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial.
🟥 Recoñecemento por primeira vez da imprescindible función titorial con redución do horario lectivo para esta función.
🟥 Incremento da dotación horaria para as esixentes funcións dos equipos directivos.
🟥 Avance nas medidas de atención á diversidade cunha aposta pola dotación de persoal estrutural a través da modificación dos catálogos de Infantil e Primaria (sen actualizar desde o ano 2007) para incrementar de forma estable nos centros o profesorado tanto de Audición e Linguaxe como de Pedagoxía Terapéutica.
🟥Dotación de máis persoal de Orientación e profesorado especialista de atención á diversidade para asignar naqueles centros que máis o precisen.
🟥 Adianto ao curso 2028-2029 do calendario previsto para a redución progresiva de ratios na etapa de Secundaria.
Este anuncio dá continuidade ao camiño iniciado coa sinatura do Acordo en 2023, un acordo de carácter estrutural que xa permitiu recuperar e mellorar aspectos clave do sistema educativo.
Desde entón, os avances son xa visibles nos centros: evitouse o peche de centos de aulas e consolidouse emprego docente, cun saldo positivo de máis de 650 docentes no sistema; reduciuse o horario lectivo en Infantil e Primaria ata as 23 sesións; melloráronse as retribucións do profesorado; avanzouse na redución de ratios e na súa adaptación á realidade do alumnado, incluíndo o cómputo dobre e triplo en función das necesidades; e introducíronse melloras organizativas que permiten unha atención máis axeitada á diversidade e ás necesidades dos centros. Nun contexto de forte descenso demográfico, estes avances permitiron non só frear recortes, senón mellorar as condicións de ensino e aprendizaxe.
Neste tempo, si que existiu unidade sindical, a das organizacións asinantes do Acordo que continuamos traballando de maneira constante, seria e discreta, tanto no ámbito intersindical como na interlocución coa Administración, para garantir o desenvolvemento completo do pactado e seguir avanzando en novas medidas. Unha unidade sindical que sempre estivo e está aberta a novas incorporacións.

Somos conscientes e partícipes do compromiso do profesorado e do conxunto da comunidade educativa na defensa dun ensino público de calidade. As mobilizacións e as folgas son ferramentas lexítimas de acción sindical, pero non poden ser un fin en si mesmas, a súa utilidade reside en que permitan abrir e consolidar espazos reais de negociación. Nese ámbito é onde se producen os avances que transforman o sistema.
A experiencia destes anos demostra que, lonxe da confrontación estéril, é a través do diálogo, da negociación e da unidade sindical como se acadan melloras reais e duradeiras. Os avances que agora se anuncian son unha mostra clara de que esa é a vía que funciona.
Seguiremos traballando con responsabilidade e determinación para continuar mellorando as condicións do profesorado e reforzar o sistema educativo público galego.

INTERVENCIÓN de Cristóbal Salgueiro Vallejo Sº Ensino de UGT
https://we.tl/t-qcr3qscWGA8Fw0jS
INTERVENCIÓNS de resto de OOSS
https://we.tl/t-xS6n3Vou8ViB2p14 CCOO – Noelia Sánchez Vaamonde
https://we.tl/t-vGTaF9vE4PvEccDf ANPE – Julio Trashorras de la Fuente
https://we.tl/t-55AcAooAGbPUfp1H CSIF – Rosa María Silva Méndez