Valoramos o novo Plan para o impulso da atención á diversidade como un avance froito do diálogo e do Acordo sobre Medidas de Mellora

As organizacións asinantes reclamamos agora concreción normativa, calendario claro, criterios transparentes de dotación e seguimento sindical para garantir que os recursos cheguen aos centros que máis os precisan.
CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF valoramos positivamente o anuncio realizado pola Xunta de Galicia sobre o novo Plan para o impulso da atención á diversidade, que supón un novo avance no desenvolvemento das medidas de mellora do ensino público galego a través do diálogo coa Consellería de Educación.
Este Plan non xorde da improvisación nin dun anuncio illado. Forma parte da liña de traballo aberta no marco do Acordo sobre Medidas de Mellora asinado en 2023 e das novas propostas consensuadas coas organizacións sindicais asinantes para ampliar os avances tamén á etapa de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.
A atención á diversidade foi, desde o inicio, unha prioridade sindical, porque é unha das necesidades máis evidentes dos centros e unha das principais demandas do profesorado e das familias.
O anuncio dun reforzo e consolidación de persoal especialista supón un paso relevante: a incorporación progresiva de profesionais de Pedagoxía Terapéutica na ESO, a estabilización de postos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe en Infantil e Primaria, e o reforzo dos servizos de orientación deben contribuír a mellorar a resposta educativa ao alumnado que máis apoio precisa.
Para as organizacións asinantes esta medida ten especial importancia porque aposta por recursos estruturais, non por solucións puntuais ou precarias. A mellora da atención á diversidade require persoal estable, planificación, coordinación e tempo profesional suficiente nos centros. Por iso, este Plan debe entenderse tamén en relación co resto de medidas xa anunciadas: recuperación das 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial; recoñecemento horario da función titorial; incremento da dotación horaria dos equipos directivos; e adianto da redución de ratios na ESO ao curso 2028/29.
Todas estas medidas responden a unha mesma lóxica: reforzar o sistema educativo público galego, mellorar as condicións de traballo do profesorado e avanzar cara a unha atención máis individualizada e inclusiva para o alumnado.
CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF consideramos que o anuncio é positivo, mais lembramos que agora é imprescindible concretar a súa aplicación. Reclamamos que a Consellería negocie canto antes as correspondentes modificacións normativas, o calendario de implantación, os criterios de distribución dos novos efectivos e os mecanismos de seguimento do Plan.
Tamén esiximos que a asignación de recursos se realice con criterios obxectivos, transparentes e vinculados ás necesidades reais dos centros: volume de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, complexidade socioeducativa, dispersión territorial, carga dos departamentos de orientación, número de unidades e características de cada etapa educativa.
A redución da burocracia anunciada debe traducirse en medidas reais e avaliables. A dixitalización e as novas ferramentas de xestión só serán útiles se serven para liberar tempo profesional, mellorar a coordinación e permitir que orientadores, equipos docentes e profesorado especialista poidan centrarse no acompañamento educativo, na intervención directa, na adaptación de materiais e probas e na resposta ás necesidades do alumnado.
As organizacións asinantes reiteramos que este avance demostra a utilidade da negociación colectiva. Fronte aos discursos que negan os resultados ou pretenden presentar como illados avances que forman parte dun proceso negociado, a realidade é clara: o diálogo sostido, o traballo sindical responsable e a unidade das organizacións asinantes están permitindo consolidar melloras reais nos centros.
Seguiremos traballando para que o Plan para o impulso da atención á diversidade se desenvolva con garantías, para que os recursos anunciados cheguen onde máis se necesitan e para que o ensino público galego continúe avanzando en equidade, inclusión e calidade.