UGT-SP, xunto con CCOO, USO e SNEP, como sindicatos con representación no ensino privado de Galicia, solicitamos manter unha xuntanza coa Consellaría á maior brevidade posible. Nun contexto especialmente sensible para o futuro dos traballadores e traballadoras en pago delegado do ensino concertado, reclamamos, entre outras cuestións, a implementación urxente da xubilación parcial, medida laboral esencial. Asistimos, ademais, á publicación da Lei de Orzamentos o 29 de decembro de 2023 co veto expreso ao aboamento de calquera tipo de complemento retributivo e da Paga de Antigüidade recollida no convenio colectivo, especificado no artigo 57 da devandita lei. Máis dunha década de bloqueo á posibilidade de melloras salariais que afectarían a máis de 7000 docentes en Galicia.
Xa a LOE e logo a LOMCE o dicían pero é que agora a LOMLOE segue a establecer no seu art. 117, pto. 4 referido aos módulos de concertos:
”As cantidades correspondentes aos salarios do persoal docente a que fai referencia o apartado anterior, posibilitarán a equiparación gradual da súa remuneración coa do profesorado público das respectivas etapas”.
É dicir, que por lei, ao persoal docente do ensino concertado debe homologársenos coas compañeiras e cos compañeiros do ensino público. E isto é o que esiximos; sabemos que non é cousa dun día, pero tamén sabemos que estamos ante un dereito que temos que abordar e non seguir adiando o que é de xustiza.
Cremos que o primeiro paso é o establecemento de canles de diálogo e debate entre a Consellería e as OOSS, así como a derrogación do parágrafo 3º do punto 2 do artigo 57 (prohibición de aboamento da PEA e de categorías funcionais como a xefatura de departamento, titoría, coordinación do ENDLG…) e o punto 1 da Disposición adicional décimo segunda dos orzamentos da Xunta de Galicia (prohibición do aboamento de 45 euros brutos mensuais e incremento do 2% interanual no CRCA).
As persoas traballadoras do ensino concertado en Galicia son unha excepción no Estado español: na inmensa maioría das comunidades autónomas, os profesionais do sector desfrutan xa de acordos de xubilación parcial. Trátase dunha medida laboral esencial, da recuperación dun dereito que salva postos de traballo nun contexto de decaemento da natalidade.
Na última reunión da Mesa Tripartita, a Consellería trasladou ás OOSS que emitira os informes que Facenda requiría para valorar a viabilidade da implantación da medida. O tempo pasa e semella que nos atopamos nun atranco. Ademais, o adianto electoral mudou os prazos, xerando intranquilidade nos traballadores que daban xa por feita a introdución da xubilación parcial.
Atopámonos agora cun problema que non xeraron as persoas traballadoras, pero que sufrirán as consecuencias en forma de despedimentos. Desta situación responsabilízase, fundamentalmente, aos centros educativos e ás patronais. Non obstante, a Administración tiña que implicarse naquel momento: demostrar unha maior observancia e orientar a cumprir acordos. Coma sempre, estas irresponsabilidades de patronais e administración fan que sexan as traballadoras e traballadores quen sufran as consecuencias. En ningún momento a Consellería se dirixiu aos representantes legais das persoas afectadas, e isto é intolerable; polo tanto, esiximos que se nos consulte e se busque conxuntamente solucións cara a evitar que persoas que non teñen culpa paguen as neglixencias doutros e queden sen o seu posto de traballo.
Así, esiximos á Administración a dilixencia necesaria para que a xubilación parcial non quede no limbo e que o adianto electoral non sexa outra desculpa máis para non tomar decisións a favor das persoas traballadoras do ensino concertado. Este é un momento especialmente sensible para o futuro das persoas traballadoras, dos centros e da política educativa autonómica que nos vai a guiar durante os próximos anos. Dito isto, confiamos en poder establecer un itinerario de diálogo e negociación que nos permita progresar xuntos cara a unhas mellores condicións laborais, salariais e sociais.