Sectores

UGT destaca o papel da educación no reto de construír unha paz duradeira

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 24 de xaneiro de 2018 como Día Internacional da Educación, celebrando o papel que xoga a educación na paz e no desenvolvemento en todo o planeta. Este ano, a sexta edición ten como lema «Aprender para unha paz duradeira«. UGT quere destacar o papel da educación en valores como garantía na construción dunha sociedade máis xusta, tolerante e comprometida coa paz.

O mundo está asistindo a unha onda de conflitos violentos paralelos a un aumento alarmante da discriminación, o racismo, a xenofobia e os discursos de odio. No noso país tamén medra un discurso político que, xunto a un retroceso nas políticas sociais, está a favorecer a intolerancia e o racismo, ademais de danar a convivencia democrática. Un compromiso activo coa paz é hoxe máis urxente que nunca.

Este compromiso debe ir máis alá das medidas de seguridade e defensa para previr ou deter conflitos, xa que a paz non comeza onde remata a violencia. Manter a paz require unhas bases sólidas de gobernanza inclusiva, democrática e participativa, diálogo, solidariedade, comprensión e cooperación mutuas, desenvolvemento sostible, igualdade de xénero e realización xeral dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais. A educación xoga un papel fundamental neste esforzo.

A aprendizaxe para a paz debe ser transformadora e contribuír a dotar ao alumnado dos coñecementos, valores, actitudes, habilidades e comportamentos necesarios para converterse en axentes de paz nas súas comunidades.

A UNESCO dedica este ano o Día Internacional da Educación ao papel crucial que xogan a educación e o profesorado na loita contra o discurso de odio.

No Día Internacional da Educación 2024 dende UGT propoñemos:

  • Esixir que as Administracións central e autonómica manteñan a educación no primeiro posto das súas axendas políticas e tamén que España cumpra os seus compromisos dende o Cumio sobre a Transformación da Educación e a axenda Educación 2030.
  • Xerar visibilidade local e internacional sobre a importancia da educación para fortalecer e preservar a paz, tal e como se indica na meta 4.7 do ODS 4, así como outros esforzos educativos globais.
  • Impulsar niveis máis elevados de financiamento da educación en xeral, e da educación para a paz en particular, cun chan mínimo nunca inferior ao 5% do PIB.
  • Destacar e celebrar o papel de pacificación da mocidade e dos educadores dentro e a través da educación dirixida a construír sociedades xustas, inclusivas e pacíficas.
  • Proporcionar e apoiar a creación de plataformas para discutir as prioridades e os desafíos da educación para a paz en contextos de crises e conflitos globais cada vez máis prolongados.
  • Reunir a persoas influyentes e á sociedade civil máis ampla para impulsar un movemento para situar a educación no centro dos esforzos locais, nacionais, rexionais e globais de construción da paz.
  • Sensibilizar sobre enfoques eficaces da educación para a paz e mobilizar o compromiso para a súa implementación.
  • Desterrar o discurso de odio e a xenofobia e promover a educación en valores como ferramenta para a construción dunha sociedade solidaria e tolerante, incluíndo a igualdade de xénero e a igualdade entre todos os seres humanos, o recoñecemento dos dereitos do colectivo LGTBI e o respecto á liberdade de conciencia.
UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.