Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe tratamos os seguintes temas:
1. Orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
UGT-SP segue defendendo que sexan os centros cos seus órganos (Claustro e Consello escolar) os que decidan quen debe ser o seu director ou directora.
Entrando no articulado da Orde facemos varias peticións:
-No artigo 2.1 d): pensamos que o profesorado do centro debería ter preferencia sobre o que poida chegar externo, ou cando menos, ser un criterio de desempate. Pedimos que se cambie a redacción actual, “Estar prestando servizos nun centro educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e depender organicamente desta. Tamén poderán presentarse aquelas persoas…” por “Estar prestando servizos no centro educativo onde se celebra a convocatoria. En caso de ausencia de candidatos, tamén poderán presentarse persoas doutro centro educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e depender orgánicamente desta, en situación de servizos especiais…”
-No apartado e) en primeiro lugar consideramos que o curso de formación que nesta orde aparece como requisito, debería permitir que sexa realizado a posteriori do nomeamento como así ocorre nos casos en que é a Inspección quen propón á persoa que ocupa a dirección. En segundo lugar, no último parágrafo, pedimos engadir que sexan exentas tamén as persoas que exerceron durante o mesmo periodo que se cita algún cargo de equipo directivo mesmo que non fose o de directora ou director.
-No artigo 3.3. entendemos que o proxecto ten que estar a disposición dos membros do Claustro e do Consello Escolar un mínimo de 5 horas ou no horario completo do centro, e non só “no horario que estableza a dirección do centro”. En todo caso debe velarse porque ese horario de disposición permita a todo o claustro a consulta do mesmo dentro das súas horas de permanencia e fóra do horario lectivo.
-No artigo 5.1.
A sede da comisión de selección non debe ser decisión unilateral. Pedimos que sexa no propio centro, ou, cando menos, elixida pola comisión na súa totalidade.
No apartado 5.1. a) Solicitamos que a comisión de selección elixa democráticamente o seu presidente, exceptuando o voto do alumnado.
Para o apartado c) demandamos que se escollan os representantes do profesorado en Claustro en votación con urna. Sabendo que cada membro do Claustro poderá votar ata un número igual a 3.
-No artigo 7.4.
Como xa o expresamos noutras ocasións, para UGT o elemento de avaliación a través da entrevista nos parece pouco obxectiva, polo que solicitamos que se elimine.
-No artigo 11.
Os nomeamentos con carácter extraordinario deberían ser por un periodo de tan só un curso.
- Baremo:
En canto ó apartado 2.3 cremos que o peso que teñen determinados postos tales como o desempeño da subdirección ou xefaturas de servizo para concurrir á dirección do centro é cuestionable, polo que solicitamos a súa eliminación ou a baixada da súa puntuación a 0.1 puntos.
Aproveitamos esta mesa para reiterar a nosa petición sobre as baixas prolongadas de directores e directoras que habitualmente son cubertas polos demais membros do equipo directivo. Polo que pedimos que se compense economicamente a este persoal que realiza unha doble función co traballo a maiores que iso conleva.
Malia a que entendemos que os aspectos solicitados por UGT terían cabida neste marco, a Consellería aclara que se están axustando ó Decreto de superior xerarquía. Tamén indica que o CEIP Curros Enríquez de A Coruña será eliminado da listaxe de vacantes por petición de prórroga do actual titular da dirección.
2.Orde pola que se convoca concurso de traslados específico, entre o persoal funcionario docente de carreira da especialidade de orientación educativa dos corpos de catedráticos e de carreira e en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario, para cubrir prazas nos equipos de orientación específicos.
En primeiro lugar lamentamos a escasa dotación de personal dentro dos equipos de orientación específicos. Neste sentido demandamos a comarcalización deste servizo, actualmente de extensión provincial, para poder atender e facer seguimento das necesidades de forma máis rápida e eficiente. Esta medida debería vir acompañada do aumento do cadro de persoal en cada EOE e pola cobertura das vacantes e das baixas que se producen ao longo do curso.
Insistimos ademais na falta de equidade que supón excluir ó corpo de mestres. Debería adaptarse o Decreto 120 neste sentido. Entendemos que, toda vez que se cumpriran requisitos de titulación específica e experiencia en orientación, o personal do corpo de mestres debería poder optar nas mesmas condicións que o personal de secundaria.
Con respecto ó artigo 7 sobre os méritos a valorar, entendemos que se debe obxectivar a través dunha rúbrica do mesmo modo que ocurre nas oposicións.
En canto ó baremo salientamos a necesidade de valorar as titulacións non só dependendo do nivel senón atendendo á relación das mesmas coas funcións a desenvolver. No apartado 2 deberíanse especificar diferentes valoracións segundo se participe como alumno ou como poñente nas actividades de formación.
A Administración comprométese a tratar incorporar máis prazas nas zonas de máis demanda, pero recoñecen que estas prazas son de dificil cobertura. Por ese motivo, vaise eximir a obriga de cumprir os dous anos de permanencia en centro despois de obter destino definitivo. Tamén se permitirá participar ó persoal que reingrese desde postos do exterior. Avéñense tamén a aumentar a puntuación da formación relacionada con orientación. En canto á participación do corpo de mestres maniféstase que lexislativamente non é posible.
3.Orde pola que se modifica a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional (CADP)
En exposición preliminar a Consellería manifesta que estas modificacións responden á necesidade xurdida por lexislación de orde superior de reducir a temporalidade. Nese sentido parécelles imprescindible reducir a oferta en CADP vía aumento de prazas en oposicións e de vacantes no CXT. Con respecto ó profesorado PTFP: este vai poder seguir optando a todas as prazas independentemente do corpo ó que se pertenza. Tamén se blinda a posibilidade de reingreso do profesorado que actualmente puidera atoparse en excedencia. Aclaran que o sentido do artigo 2f é o de priorizar a antigüedade no corpo. En ningún caso haberá prevalencia de asignación a unha especialidade por pertenza a corpo PES. No caso das resultas, según o artigo 23.5, si que se respetará o corpo da persoa saínte dunha especialidade á hora de outorgala.
Estamos de acordo coa maior parte das modificacións que inclúen solucións ás posibles situacións dos diferentes colectivos derivados do antigo PTFP así como as melloras relativas ás comisións de saúde.
Sen embargo, dende UGT manifestámonos en contra do retraso da data de aviso de supresión por falta de horario ó 30 de xuño. Supón un grave prexuízo para o interesado e tamén para a organización do centro. Entendemos que se debería manter a data do 10 de xuño.
Tamén entendemos que a especialidade de “Prácticas e Actividades” se debería incorporar no grupo A1.
A administración comprométese a revisar a redación do artigo 3.3 en relación ás supresións por falta de horario. Tamén acepta a nosa segunda proposta de clasificar “Prácticas e Actividades” no grupo A
4.Proxecto de Acordo do Consello da Xunta de Galicia ….. polo que se establece un complemento específico compensador para o persoal funcionario de carreira do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que non se integra no corpo de profesores de ensino secundario, con efectividade do 1 de setembro de 2023.
En primeiro lugar discrepamos da maneira en que se actuou planificando este Acordo e publicitándoo nos medios antes de traelo a debate nesta Mesa.
Por outra banda, recoñecemos este intento subsanador da Xunta, pero entendemos que absolutamente todo o persoal que desempeñara funcións de profesado de FP dende 19 de xaneiro do ano 2021 debería ter garantida a non discriminación salarial. O persoal xa xubilado, funcionarios en prácticas, persoal interino e persoal que non cumpre os requisitos para entrar no PES debe ter total cobertura.
UGT defende un complemento específico compensador non só para os 665 funcionarios de carreira que se atopan nesta situación, senón tamén para o resto do colectivo, funcionarios en prácticas e interinos, que tamén seguirán realizando as mesmas funcións que o profesorado do corpo de profesores de ensino secundario.
A Consellería manifesta que a tal publicidade deste acordo referíase a unha autorización preceptiva que en ningún caso desautoriza, senón que posibilita, as negociacións que se están a levar nesta Mesa. Con respecto á data de inicio dos efectos económicios a Administración non valora a posibilidad de retrotraela a 19 de xaneiro do ano 2021. Tampouco se aveñen a estender este complemento ás persoas que a futuro se incorporen nas 19 especialidades de PES. Si cubrirá, sen embargo ó actual profesorado de PTFP que siga prestando servizos nesas especialidades.
5. Orde pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.
Como críticas xerais entendemos que debemos manifestar o noso rexeitamento a que se traia á Mesa só despois da nosa insistencia e despois de implementar o apartado de acreditacións no expediente de todo o persoal docente. En segundo lugar, botamos en falta que se especifique o obxectivo da acreditación e as consecuencias que terá para o profesorado. Ademais consideramos que o borrador agora si aportado non aclara as posibilidades de consecución sobre todo no nivel C.
En canto ó articulado:
Artigo 5. Convocatorias. Entendemos que sería desexable regular un mínimo dunha convocatoria anual para cada un dos niveis e que se deberá garantir a opción de participar para todo o profesorado sen que se establezca un número de prazas.
Artigo 6. Comisións de selección. Cremos que as súas características non se deben deixar en mans de cada convocatoria e que cando menos se debería reescribir este artigo indicando que haberá representación sindical e que os membros se escollerán por sorteo entre as persoas que cumpran os requisitos.
Artigo 7. Rexistro da acreditación da competencia dixital docente. Pedímoslle á administración que ademais de regular a creación de tal rexistro se dote de persoal para que se faga efectivo o dereito dos docentes de actualizar o seu expediente tal como recolle a ORDE do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006. Ténsenos recoñecido que a actualización non se pode facer efectiva en calquera momento do ano e consideramos que se deberían tomar medidas para facilitar o exercicio deste dereito polo persoal docente.
Artigo 9. Modalidades de acreditación. Botamos de menos as modalidades de titulación ou superación de proba para acreditar os niveis C1 e C2. Entendemos que o último suposto nestes apartados: “– Así como calquera outra evidencia que acredite o nivel C2” podería abranguer estas modalidades pero tal como está redactada resulta de indefensión para o docente porque queda á interpretación das diferentes comisións que evidencias serían aceptadas e cales non. En lugar desa redacción propoñemos que se indique: “Calquera outra evidencia que se irá incluíndo nunha lista actualizada que se fará pública na páxina da Consellería.” Esta vaguedade esténdese a outras evidencias citadas como:
– A coordinación de proxectos de formación en centros.
– A participación en accións formativas en calidade de titor/a ou relator.
– A participación en proxectos colectivos de investigación e de innovación.
Non se especifica que proxectos se terían en conta ou non.
Igualmente entendemos que se deberían ter en conta neste nivel titulacións universitarias de grao e máster cuxa porcentaxe de créditos relacionados coas TICs sexa significativa. Non é de recibo, poño por caso, que a un mestre que ademais sexa enxeñeiro informático non se lle acredite de oficio o nivel C2.
Aclaramos que na actualidade só está en marcha a acreditación segundo a formación realizada nos últimos 4 anos dentro da oferta da Consellería. O resto da formación homologada pola Consellería, dentro da cal se inclúe a que vos ofrecemos desde UGT, será susceptible de contribuír para a acreditación dos diferentes niveis unha vez sexa clasificada polo procedemento que formule a administración. Esperamos que tal procedemento se perfile á maior brevidade posible.
A administración manifesta que se circunscribe ó acordado en Conferencia Sectorial e á lexislación de maior rango. Indica que polo momento, e ata que se pronuncie o Ministerio, non poderán especificar as implicacións exactas do nivel de acreditación dixital a efectos de convocatorias como podería ser o concurso de traslados.
VARIOS
Insistimos na petición que xa se presentara noutras Mesas, compartida por outras OOSS, de que se emitan aclaracións informativas sobre a forma de tramitar as baixas por enfermidade ben por parte dos mutualistas de MUFACE independentemente da entidade prestataria de asistencia sanitaria, ben por parte do persoal que se rixe pola Seguridade Social.
Tamén botamos en falta que pase pola Mesa Sectorial a convocatoria de prazas sometidas a convenio e de atención preferente. A administración comunica que non se convocará o concurso de atención preferente nin o de adultos.
Por último, trasladamos a necesidade do profesorado interino que participou no concurso de estabilización de ter máis información de cara á evolución do procedemento, publicación de baremos etc. A administración pretende publicar en breve os baremos dos participantes que superaran a puntuación de corte. Farase por orde alfabética.
A Consellería informa ademais de que ten intención de convocar proximamente o Comité Intercentros.
Para acceder ó contido completo preme no noso Informa-t