O 9 de xaneiro de 2024 quedou constituída a comisión de seguimento do “Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da comunidade autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación”.
Na primeira reunión, constitutiva desta comisión, tratáronse varios temas cruciais para a xestión e o desenvolvemento dos aspectos contidos no acordo que afectan aos centros e á Administración Educativa:
- Para o próximo curso 2024/25, ofertaranse un máximo de 20 prazas por unidade en 4º de educación infantil.
- Nas unidades de infantil e primaria cunha ratio actual de entre 20 e 25 alumnos/as, NON se ofertarán novas prazas no proceso de admisión de alumnado.
- Nas aulas de infantil e primaria con menos de 20 alumnos/as, ofertaranse prazas ata alcanzar unha ratio máxima de 20.
- Xa no proceso de admisión para o curso 2024/25, o alumnado con discapacidade recoñecida, algún grao de dependencia acreditado ou trastornos graves de conduta será contabilizado a todos os efectos como dobre ou triplo, segundo o grao recoñecido.
- Nos casos en que non sexa posible cumprir coas novas ratios por falta de espazo, dotarase ao centro dun/ha especialista en educación primaria. Nos centros de educación infantil ou de infantil e primaria sen persoal de apoio de infantil, poderase dotar ao centro cun/ha docente con perfil de educación infantil.
- As dúas horas lectivas semanais de redución para o corpo de mestres, estipuladas polo acordo, suporán dúas horas menos de permanencia no centro.
- De cara á consecución da redución do horario lectivo para todos os corpos, demandámoslle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que lle solicite a Función Pública a apertura de negociación do horario de traballo das e dos empregados públicos. O obxectivo é posibilitar a prestación efectiva da xornada semanal na mesma liña que o acordado por todos os sindicatos noutros sectores da Xunta como o SERGAS ou Política Social.
- O complemento de sexenios e de titorías aumentará nun 10 % na nómina de xaneiro.
- O complemento por desempeño de órganos unipersoais de goberno, por ser responsable de centros de menos de tres unidades en educación infantil e primaria e outras funcións incrementarase en 20 euros na nómina de xaneiro.
- Con respecto ao plan de simplificación de tarefas burocráticas nos centros educativos, acordouse formar catro grupos de traballo, un para cada tipo de centro (centros de infantil, primaria e educación especial; centros de secundaria e bacharelato; centros integrados de formación profesional e centros de ensinanzas de réxime especial). Cada grupo constará de catro docentes integrantes de equipos directivos (un por provincia) e un representante da Inspección Educativa.
Coordinará estes grupos outro equipo, formado polo Subdirector Xeral de Recursos Humanos, polo Subdirector de Inspección, un/ha director/a e unha persoa representante de cada sindicato asinante.
Os traballos comezarán a finais de xaneiro e prolongaranse ata abril, co obxectivo de aplicar as medidas de simplificación e racionalización xa en setembro. - A decisión de realizar reunións de forma telemática da totalidade de órganos de coordinación docente será competencia do Claustro. Este poderá decidir a favor, en contra ou autorizar a cada órgano para que realice as reunións na modalidade acordada pola maioría das súas persoas integrantes. En caso de empate na votación celebrada en cada órgano de coordinación, o voto da persoa responsable do órgano computará dobre.
Convocarase unha nova reunión da comisión de seguimento dentro dun mes para continuar avanzando na xestión da aplicación do Acordo.