Sectores

MESA XERAL E COMISIÓN DE PERSOAL:LEI DE MEDIDAS E ORZAMENTOS 2025

A Administración convocou a Mesa Xeral para tratar o Anteproxecto de Lei de medidas en materia de persoal 2025 o día 15 e a Comisión de persoal e Mesa de Orzamentos o día 16. A documentación foi remitida o mesmo día, cuestión que se repite sempre e que é cuestionada polas organizacións xa que calquera aportación de ser estimada tería que incorporarse no trámite parlamentario.

Os documentos achegados podédelos consultar premendo nestes enlaces:

  1. Anteproxecto da Lei de medidas: materia de persoal, para o ano 2025
  2. Anteproxecto dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025: materia de persoal

Orzamentos 2025:

A DX de Orzamentos expón o marco de normas fiscais sobre contas públicas e concreta un incremento do 3,2% dos recursos públicos e de seguido concreta de xeito moi esquemático e sucinto o seguinte:

De carácter xeral para todo o persoal dependente de Xunta

  • Cumprirase o Acordo Administración Século XXI: o 0,5% pendente con efectos de xaneiro de 2024, aboarase no ano 2025 no mes seguinte da data na que o habilite a Secretaria de estado, como fixo sempre.
  • O 66% do grao II e II, e grao III.
  • Acordo de política social e SPDCIF de domingos e festivos
  • Reforzar EVOS
  • Crear 33 prazas en Consorcio
  • Acordo de fixos descontinuos: en 2025 pasaran de 7 a 8 meses
  • Acordo de carreira
  • Crear 83 postos
  • Acordo de actualización de salarios
  • 523 prazas para cumprir cos Acordos de abril de xornada
  • 623 prazas de MIR e EIR
  • Novo centro de prontoterapia

En primeiro lugar manifestar que da lectura do primeiro artigo dedúcese que se cumpren os Acordos da Xunta 2017-2024 polo que preguntamos:

  • Como se dota o cumprimento dos Acordos Administración Século XXI en materia retributiva e materias que faltan por desenvolver (clasificación de persoal ou xubilación).
  • De contar con Acordos estatais e de Galicia que dean continuidade á recuperación de salarios, emprego e dereitos iniciada en 2017 e que se acouta no texto a 2024, como se dotaría o seu cumprimento?.
  • Como se dota o cumprimento de materias sen desenvolver de Acordos asinados entre 2017-2024 (bolsa de horas do 5% para conciliación, carreira ordinaria, reforzos de ensino, homologación salarial de xustiza….)?.
  • Reiteramos que se valore a aplicación de oficio a interpretación do tribunal supremo sobre trienios de laboral temporal que pase a funcionario de carreira.
  • Reiteramos as alegacións non estimadas no ano 2024 nomeadamente sobre os Fondos de acción social (FAS), e a recuperación de acordos suspendidos no ano 2012, e non recuperados ou substituídos por outros Acordos.
  • Propoñemos que se elimine o límite de 2017-2024 e se deixe Acordos autorizados polo Consello da Xunta e que se poida continuar na negociación para seguir coa recuperación de salarios, dereitos e emprego.

DX de Orzamentos responde que as medidas pactadas están contempladas e que se contempla un fondo e unha disposición adicional para cumprimento de acordos a nivel estatal, e engade que para  darse novas medidas terán que ter encaixe.

Anteproxecto Lei de medidas:

  • O cese de persoal nomeado funcionario interino que non supere o período de proba será suspendido de chamamentos na lista durante seis meses.
  • Aplicación sentenza que obriga a recoñecer os servizos prestados en TRAGSA.
  • Na baremación das listas ao persoal do SPIF por unha soa vez valoraranse os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 como persoal laboral das categorías equivalentes.
  • Acortar de 5 días naturais a 2, o prazo desde a posta á disposición da notificación en Notific@, para acceder ao sistema de elección de prazas e establecer a orde de prelación de todos os postos ofertados e validar a súa elección.
  • Escala de letrados adaptación a Lei 4/2016 de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da CA e do seu sector público.
  • Escala técnica facultativa de Educación social: engadir á diplomatura o “Grao”.
  • Habilitar a aplicación do Decreto 165/2019 de funcionarización o persoal que superou a promoción específica.
  • Para o persoal en situación de adscrito provisionalmente, engádese a localidade do último definitivo, á súa elección da localidade do posto ao que está adscrito provisionalmente, e finalmente, en defecto do anterior, e para unha adecuada cobertura de postos con carácter definitivo, seguirase a orde de prelación dos postos ofertados que quedaran vacantes na correspondente convocatoria, a excepción dos de fóra  da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Nas Comisións de valoración deberá terse a condición de funcionarias de carreira e pertencer a un grupo de titulación igual o superior ao esixido para os postos convocados.
  • Ampliación das categorías de difícil cobertura de cociña, mantemento, TCAE e coidadores.
  • Modificar a lei de saúde para eximir o persoal licenciado ou diplomado en enfermaría do requisito de nacionalidade española
  • Inclusión de Barbanza nos distritos de difícil cobertura.
  • Reducir de 30 a 10 días o prazo para acreditar méritos nos procesos de provisión de prazas.
  • Regularizar os nomeamentos dos departamentos territoriais, xa que habilitan que non sexan requisito ser persoal empregado público
  1. A penalización de 6 meses si non se supera o período de proba, xa se quixo introducir o ano pasado,  opuxémonos tendo en conta que non queda acreditado, por parte da Administración, que exista unha problemática que determine a necesidade de suspender de chamamento durante ese período. Reiteramos a solicitude de que se estude e aclare cales son as circunstancias antes de introducir esta modificación.
  2. Ao respecto das modificacións de escalas, estamos a favor das formuladas, e reclamamos que se atendan aquelas non aceptadas e que indicabamos o ano pasado, e ao respecto das denominacións, funcións e titulacións de todas as escalas. Engadimos a proposta de unificación nunha soa escala das de Axentes Facultativos Medioambientais e a de Xefes de Brigada.
  3. Sobre a adicional ao respecto da promoción específica, entendemos que deben mudar a redacción, en tanto que o Decreto 165 o que garante é a indemnidade retributiva, é dicir a garantía de manter retribucións.
  4. A implementación da sentenza sobre servizos en TRAGSA e o engadido sobre listas do SPIF, consideramos lóxico que si teñen experiencia como persoal laboral, sexa baremada.
  5. A Lei de emprego público de Galicia xa recolle a presenza equilibrada de ambos sexos, e o feito de que todos os sindicatos no SERGAS apoiaran o criterio de infrarrepresentación e que un sindicato o pida en administración xeral, non xustifica que se xeneralice.
  6. A ampliación de categorías de difícil cobertura xa se demandou , pero sobre todo outras medidas, e negociar un novo Decreto de listas.
  7. Pedimos que se xunte á acta da reunión, as alegacións presentadas en 2024 e que non se estimaron sobre escalas, cambio de denominación de escalas (grado sanitario, TCAES entre outras), e nomeadamente a negociación dun novo modelo de promoción interna e de promoción interna temporal, e a mobilidade de carácter aberto e permanente.
  8. Retirar a apertura dos departamentos territoriais a persoal non funcionario, xa fixeron os nomeamentos e si buscan o apoio da mesa, non o terán. 
  9. Incluír o criterio do Tribunal supremo sobre trienios anteriores a Lei de orzamentos do estado de 2021, que modificou a lei 70/78, e aboar os trienios de persoal laboral temporal que pase a funcionario de carreira pola contía que tiñan consolidada de ser superior.
  10. Habiliten prazo de alegacións e posibilidade de  modificar no trámite da lei aquelo que se estime.
  11. No relativo as modificacións normativas en SERGAS que se propoñen, preguntamos si pasaron por mesa sectorial e no caso de distritos  que se amplía co Barbanza, incluír Salnés, xa que é o único que queda fora.

DXEPAP manifesta que o documento está aberto a modificacións e que valoraran a supresión do apartado de infrarrepresentación e deixar como está na lei de emprego público de Galicia.    

SERGAS consultará a causa pola que non se inclúe Salnés da ampliación de distritos.   

UGT por todo o exposto vota en contra do anteproxecto de lei de medidas 2025

 Solicítase aclaración sobre a absoluta falla de procedemento da toma de posesión do proceso de integración do Consorcio, e que se tomen medidas. A saída da reunión infórmasenos do procedemento que se realizará e que se ampliará prazo de toma de posesión.

Solicítase aclarar criterios sobre baremación OPE lei 20/2021, contéstase pola DXEPAP que non ten constancia de reclamacións a listas definitivas publicadas e que se revisaron todas as de listas provisionais, e que outros criterios iranse tratando no momento oportuno.

Sobre a proposta de UGT ao respecto das posibles modificacións de escalas, entre elas a unificación das de Axentes Facultativos Medioambientais e Xefes/as de Brigada, confirman que se realizará unha análise das escalas unha vez finalizados os procedementos derivados da Lei 20/2021, consideran axeitada a unificación en tanto que a esixencia dunha mesma titulación habilita dita unificación.

A toma de posesión dos procesos de estabilización será, segundo establece a lei, con carácter xeral, en provisional a expensas da resolución dos concursos convocados e por convocar.

Procesos selectivos ordinarios: ratifícanse no mantemento do calendario publicado o 6 de agosto.

Concursos específicos: están traballando coas consellerías para realizar a convocatoria.

RPT do CGSIB: seguen traballando nela coa intención de traela á negociación o antes posible.