Tras a xuntanza da comisión de seguimento do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, celebrada o venres 21 de xuño, as organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, queremos deixar constancia da valoración que facemos da aplicación do devandito acordo para o curso 2024/25.
Despois de constatar a aplicación satisfactoria da maioría dos puntos do Acordo, queremos denunciar ante a comunidade educativa que existen discrepancias de interpretación en dous apartados do texto:
- Cómputo dobre e triplo do alumnado con discapacidade, dependencia e transtornos graves de conduta, en todas as etapas, incluídas Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial.
- Redución de ratio nas aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, segundo o Acordo de Agrupamentos de 10 de xullo de 2009.
A Consellería pretendía aplicar ambas cuestións de forma progresiva e non inmediata, polo que no curso 2024/25 só se aplicaría en 4º de Educación Infantil. Despois dun intenso debate coa parte sindical, presentou unha proposta intermedia coa finalidade de achegar posturas.
En canto ao cómputo dobre e triplo de alumnado con discapacidade, dependencia e transtornos graves de conduta, a aplicación que finalmente vai acometer a Administración inclúe as seguintes disposicións:
- Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa soamente unha unidade que sobrepase a ratio de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; analizarase a dotación do persoal do centro e estudarase a posibilidade de enviar un reforzo no caso de ser necesario.
- Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa dúas ou tres unidades que sobrepasen a ratio de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; enviarase un/unha docente a maiores para reforzo.
- Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa catro ou máis unidades que sobrepasen a ratio de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; enviaranse dous/dúas docentes a maiores para reforzo.
- Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa unidades que sobrepasen a ratio de 28 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; estas unidades serán desdobradas.
En canto ao Acordo de Agrupamentos, no curso 2024/25, a Administración aplicará a ratio de 14 alumnos/as nas aulas mixtas de Educación Infantil e, ao longo do vindeiro curso, estudarase o xeito de ampliar a aplicación deste punto do Acordo.
As organizacións sindicais asinantes do Acordo, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, valoramos positivamente os cambios da Consellería fronte á primeira postura, pero non compartimos tal interpretación para esta aplicación:
- Con respecto ao Acordo de Agrupamentos; non se recolle no asinado a aplicación progresiva das ratios.
- Con respecto ao cómputo dobre ou triplo de alumnado con discapacidade, dependencia e transtornos graves de conduta; este debe ser de aplicación inmediata en todos os niveis e etapas educativas, aplicando os desdobres correspondentes en todas as aulas que superen a ratio máxima.
As organizacións sindicais asinantes do acordo, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, solicitamos a toda a comunidade educativa que nos fagan chegar todos os datos correspondentes aos incumprimentos do Acordo que poidan producirse. Pretendemos facer un estudo exhaustivo desta información e non descartamos acudir á vía xudicial para asegurar o cumprimento íntegro do acordado.