UGT presentou alegacións ao documento proposto nas que, como todos os anos desde a entrada en vigor da Lei 1/2012, reclamamos que esta administración está a incumprir a recomendación emanada da queixa presentada por esta organización sindical á Valedora do Pobo, quen en resposta a dita queixa, ante a situación xerada pola aplicación da Lei 1/2012, a través da que se procedía á suspensión de determinados artigos do V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, respondeu nas súas conclusións:
No obstante o anterior, parece oportuno indicar que a Xunta de Galicia deberá considerar -non como unha obrigación inmediata de resultado pero si como unha obrigación de comportamento a futuro– retomar o diálogo social a fin de recuperar acordos que permitan (coa gradualidade que esixa a contención do gasto) incluír, nos sucesivos proxectos de presupostos previsións relativas aos compromisos de recuperación de pactos iniciais.
Semella que a conclusión da Valedora segue, un ano máis, a non ter cabida entre os redactores dos Orzamentos da Comunidade Autónoma, en atención a que non se tivo en consideración esa “obriga a futuro”.
Sorprende que en virtude do artigo 3 da Lei 1/2012, continúe a suspenderse, para todo o persoal incluído no seu ámbito de aplicación, a concesión ou abono de calquera axuda derivada do concepto de acción social, excepto a axuda por persoa con discapacidade. Dicimos que sorprende a medida por comparación co que acontece noutras Comunidades Autónomas, na Administración Xeral do Estado e na propia administración institucional dependente da Xunta de Galicia, nas que si se está a aboar outros conceptos do Fondo e non só o das axudas para atender a persoas con discapacidade a cargo, polo que UGT demanda a igualdade de trato con aquelas organizacións e institucións que si contan coas axudas previas aos recortes do ano 2012.
Con independencia da anterior alegación, ao documento de criterios para o reparto da axuda de discapacidade, requirimos que se aplique o pactado con UGT no ano 2019 e que supoñía a equiparación na aplicación ao persoal funcionario e laboral, no sentido de que ambos pasen a percibir mensualmente a contía da axuda.
A Dirección Xeral en resposta ás alegacións confirma que:
- – Se ditará instrución para que o persoal laboral que se funcionarice este ano siga a percibir a axuda de xeito mensual, como o viña facendo a través do artigo 35 do VCCU.
- – No segundo semestre abrirase unha negociación coas OOSS a fin de acadar un procedemento permanentemente aberto de solicitude para persoal funcionario e laboral.
Ante preguntas das OOSS sobre o persoal que se funcionarizou en 2022 e a posibilidade de recoñecemento do pago mensual, informa que analizarán si existe dispoñibilidade orzamentaria para poder ser engadidos na presente anualidade.