Sectores

Esixencia da rectificación inmediata da orde de confección de nóminas

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT Servizos Públicos, asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación esiximos á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a rectificación inmediata da Orde do 11 de xullo de 2024 pola que se ditan instrucións para a confección de nóminas do persoal ao servizo da administración autonómica publicada en DOG o día 15 de xullo con motivo da suba do 2% de incremento salarial para o persoal das administracións públicas.

A devandita orde non recolle tal incremento salarial do 2% nos complementos retributivos que viron incrementada a súa cuantía a 1 de xaneiro de 2024 gracias ao Acordo de Medidas de Mellora, en concreto os conceptos de complemento específico por formación permanente (sexenios), o relativo ao exercicio de órganos unipersonais e de goberno así como o desempeño de función titorial e outras funcións docentes, xa que literalmente
recolle no seu artigo 2.5 que Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10.1 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza no ano 2024.

Consideramos inadmisible a pretensión por parte da Consellería de Educación que a suba do 2% neses conceptos, que debe facerse efectiva na nómina de xullo, quede absorbida polo incremento que propiciou a sinatura do Acordo de Medidas. Tal suba para o ano 2024 para os empregados públicos xa se coñecía con anterioridade á negociación e sinatura do Acordo de Medidas de Mellora e, de feito, non foi proposta pola Administración a inclusión de ningunha claúsula neste acordo que puidera recoller tal absorción, o que amosa o claro incumplimento do acordo asinado por parte da Consellería de Educación, e constitúe un novo desencontro entre Administración e organizacións asinantes que non imos a consentir.

Como xa advertimos tras a reunión da Comisión de Seguimento do Acordo celebrada o día 21 de xuño, acudiremos á vía xudicial para asegurar o cumplimento íntegro da totalidade de puntos que recolle o Acordo, tanto no que atinxe ás ratios, como no incremento dos complementos retributivos, polo que esiximos a rectificación inmediata e o cumplimento íntegro do Acordo asinado.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.