O sindicato insta á creación dun marco estatal común que garanta a igualdade na protección da cidadanía e a profesionalización do colectivo de bombeiras e bombeiros das ciudades e comarcais

UGT Servizos públicos de Galicia presentou hoxe a súa plataforma pola Lei Básica de Bombeiros e Bombeiras, unha normativa urxente para garantir que calquera cidadán reciba unha atención de emerxencia eficiente e profesional, independentemente do seu lugar de residencia, e superar a actual fragmentación do sector, que conta con máis de 130 servizos diferentes en todo o Estado cun total de 22.000 bombeiros e bombeiras profesionais que dependen das distintas Administracións. En Galicia o total de persoal afectado dos servizos provincias e dos concellos ascende a preto de 1.100 profesionais.

No acto participaron Juan Loureiro, secretario do sector de administración local da Federación de Servizos Públicos de UGT Galicia, Álvaro Negreira, responsable autonómico do sindicato de bombeiros e os delegados Alberto Vázquez Mosconi e Pablo Fadeville. 

Juan Loureiro destacou que a actual Lei de Bases do Réxime Local 7/1985 quedou «insuficiente e obsoleta» para regular un servizo que é a base operativa da protección civil. «A emerxencia climática e os novos riscos esixen unha resposta pública robusta e coordinada que a normativa actual non pode garantir». sinalou Loureiro. Pola súa banda, Álvaro Negreira fixo fincapé na necesidade de que cada Comunidade Autónoma desenvolva as súas propias leis baseándose nunmarco estatal común. Negreira defendeu a «integración progresiva dos servizos locais e provinciais en Corpos de Bombeiros Autonómicos» para homoxeneizar  as condicións, a organización e os tempos de resposta. 

A plataforma de UGT Servizos Públicos propón que todo o persoal teña a condición de funcionario de carrera e axente da autoridade. Así mesmo, reivindícase que o acceso e a promoción sexan estandarizados en todo o territorio, con escalas e categorías comúns integradas no grupo C1 (Bachiller ou Técnico). «Necesitamos un catálogo específico de enfermidades profesionais e unha vixilancia da saúde que se estenda máis alá da vida laboral», reclamou Negreira. 

UGT incide en que o servizo debe ser de xestión directa e exclusivamente pública, rexeitando calquera tipo de externalización. Entre as demandas técnicas, destacouse a necesidade de que os parques conten cunha «sectorización diferenciada entre zona limpa e sucia» para limitar a exposición a contaminantes canceríxenos, así como unha regulación estrita do voluntariado para que nunca substitúa as funcións estruturais dos profesionais. 

Obxectivos principais da proposta de Lei:

Contidos mínimos: Establecer estándares homoxéneos en formación e dotación segura por intervención.

Igualdade: Garantir un ambiente laboral seguro e adaptado con perspectiva de xénero. 

Envellecemento activo: Xestionar a adecuación de tarefas segundo a idade e o estado físico ou psíquico.

Investigación de sinistros: Recoñecemento da investigación como competencia propia do corpo.