Sectores

Mesa Sectorial – Mesa Xeral (10/10/2022) Comisión de Persoal (11/10/2022)


MESA SECTORIAL DE FP e MESA XERAL DE EEPP EXTRAORDINARIAS (10/11/2022)

Nestas xuntanzas tratáronse, entre outras, as seguintes cuestións:

1.- Proposta de acordo entre a Xunta de Galicia e as OOSS para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia

O sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario será de aplicación a todo o persoal funcionario (carreira e interino) da AX da CCAA de Galicia, así como, ao persoal empregado público proposto para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira como consecuencia da superación do correspondente proceso de funcionarización do persoal laboral fixo, ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro.

O sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario de carácter ordinario iniciarase cun grao inicial e terá catro graos máis (Grao I: cinco anos desde a adquisición do grao inicial; Grao II: seis anos desde a adquisición do  grao I; Grao III: seis anos desde a adquisición do grao II; e Grao IV: sete anos desde a adquisición do grao III). As contías anuais que se perciban por este complemento devindicaranse en 12 mensualidades e serán as seguintes (por cada grao): A1 (2.589,12 €), A2 (1.812,00 €), C1 (1.291,20 €), C2 (991,80 €), AP (801,48 €). Estas contías serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Consolídase o recoñecemento do grao I do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa convocado no ano 2019 para persoal funcionario ou persoal con proceso selectivo de funcionarización superado e pendente de toma de posesión. Así como, o persoal que teña adquirido por recoñecemento administrativo e/ou sentenza xudicial firme o grao I do sistema transitorio da progresión da carreira administrativa. De xeito que o todo persoal que teña recoñecido ese grao I manterá o mesmo.

No segundo semestre de 2022 tramitarase as seguintes convocatorias de acceso extraordinario aos graos I e II do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario:

  1. a) Acceso extraordinario ao grao II do para aquel persoal funcionario que xa teña recoñecido o grao I e acredite once anos ininterrompidos de antigüedade a 31.12.2021.
  2. b) Acceso extraordinario ao grao I para aquel persoal funcionario que acredite cinco anos ininterrompidos de antigüidade a 31.12.2021.

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de destino correspondente ao grao I ou ao grao II recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir: En 2022 o 50 %, en 2023 o 75 %, e en  2024 o 100 %. No segundo semestre do ano 2024, a Dirección Xeral da Función Pública publicará a convocatoria para que aqueles/as que teñan recoñecido o grao II, e cunha antigüidade de 17 anos, poidan solicitar o encadramento no grao III. O dito grao será recoñecido con efectividade do 1 de xaneiro 2025, segundo sexa o caso, a aqueles que cumpran os requisitos establecidos.

UXT solicitou o desbloqueo da carreira profesional anulada por sentenza firme do TSXG á demanda presentada pola CIG, negociando un novo acordo para que todo o persoal da Admón pública galega, como xa se recollía no acordo de xullo de 2019 apoiado por este sindicato, poida desfrutar deste dereito recollido na disposición oitava da LEPG. Ademais, en particular solicitou, o pago do grao I e II en dúas anualidades ou, de ser o caso, en tres sempre que en xaneiro de 2013 o importe retribuído acade o 80% do total do grao, garantindo o carácter retroactivo dos mesmos a xaneiro do ano en curso.

2.- Anteproxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia

Este proxecto de lei será aplicable á Oferta Pública de Emprego Extraordinaria e procesos de estabilización de emprego temporal derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, desenvoltos pola Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia e entidades do seu sector público reguladas pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeneral e do sector público autonómico de Galicia, con exclusión do Servizo Galego de Saúde.

UXT solicitou e acadou gran parte das reivindicacións efectuadas, tales como:

  • Ø A data de valoración dos méritos nas convocatorias dos procesos selectivos derivados desta lei será a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
  • Ø Unha valoración superior dos servizos prestados na propia administración autonómica no grupo, escala o categoría de persoal obxecto da convocatoria.
  • Ø Aprobación de bases comúns previa negociación coas organizacións sindicais e publicación no Diario Oficial de Galicia.
  • Ø A diferenciación dos órganos convocantes, de tal xeito, que:
    • o A DXFP convocará os postos de traballo de persoal funcionario incluídos no artigo 4.1.a) e c) da Lei 2/2015 de 29 de outubro de Emprego Público de Galicia e os que estean incluídos dentro do ámbito de aplicación do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, pertencentes á administración xeral e entidades instrumentais do sector público autonómico.
    • o As entidades instrumentais do artigo 45 da LOFAXGA terán a consideración de órganos convocantes exclusivamente respecto aos postos de traballo dos cadros do seu persoal laboral que non estean incluídos dentro do ámbito da aplicación do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
  • Ø A eliminación na nota de corte nos procesos selectivos de concurso-oposición, así como, que a valoración na fase de concurso dos servizos prestados destes procesos supoña como mínimo un 28% do total da mesma.
  • Ø No sistemas de autoavaliación proposto pola Admón., co carácter de declaración responsable, solicitamos que se incorporen ao formulario presentado, independentemente da documentación xustificativa presentada por rexistro, os documentos orientativos dos méritos alegados para a súa validación inicial polo tribunal correspondente.
  • Ø Eliminación da disposición adicional terceira, que recollía, a reciprocidade na valoración dos servizos prestados entre SEAGA e Administración autonómica, nas categorías profesionais de: xefe/a de brigada; peón especialista e peón. Entendemos que a valoración ten que ser distinta, e polo tanto, incluírse na valoración de servizos prestados noutras entidades.
  • Ø Con respecto a modificación do cadro do número 4 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril de emprego público de Galicia:
    • o Na escala técnica de recursos naturais a forestais, para a creación das especialidades de capataz, mecánico naval, patrón de embarcación e guía intérprete de patrimonio natural, engádense novas funcións e requisitos, UGT solicita aclaracións xa que isto incorpórase nesta lei a última hora e sen negociación previa.
    • o Créase a escala técnica de gobernantes, alegación presentada por UGT na Lei de Medidas de Acompañamento dos Orzamentos de 2022.
  • Ø Finalmente, UGT solicitou a incorporación de dous novas disposicións, referentes á promoción interna (oferta do 80% das prazas e establecementos de procesos selectivos simplificados) e ao establecemento dunha segunda opción voluntaria de funcionarización. Aínda que non foron aceptadas, admitiuse a posibilidade da súa incorporación en acordos posteriores.

3.- Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos para o ano 2023

A DXFP traslada ás OOSS a modificación de distintos artigos da Lei 2/2015, do 29 de abril, de Emprego Público de Galicia (artigos 23, 24, 25, 27, 55, 71, 81bis, 102, 104, 106, 132, 172, 177, 189, disposición adicional décimo sexta, oitava e novena, engádese unha disposición adicional décimo sétima, engádese unha disposición transitoria) e da Lei 4/2021, de Medidas Fiscais e Administrativas (disposición adicional primeira, oitava, novena, e derradeira quinta), e abre prazo de alegaciones ata o xoves día 14. Este tema será levado a Mesa Xeral de EEPP Extraordinaria, o vindeiro luns 17 de outubro. (Acceso ás alegacións presentadas por UGT)

4.- Proposta de acordo entre a Xunta de Galicia e as OOSS para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia

O presente complemento de desempeño para o persoal laboral da Xunta de Galicia ten por finalidade establecer para o persoal laboral un complemento equivalente ao establecido para o persoal funcionario na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015. Será de aplicación ao seguinte persoal (persoal laboral fixo, persoal laboral indefinido non fixo, persoal laboral fixo – descontinuo e persoal laboral temporal da Xunta de Galicia).

As características deste complemento son idénticas ás do complemento de carreira administrativa, recollido no punto primeiro deste documento. Aquel persoal laboral que, estando incluído no ámbito de aplicación subxectivo, teña recoñecido o grao I do complemento de carreira profesional ao abeiro da Orde do 28.03.2019, considerarase que equivale ao grao I do complemento de desempeño.

UXT solicitou o desbloqueo da carreira profesional anulada por sentenza firme do TSXG á demanda presentada pola CIG, negociando un novo acordo para que todo o persoal da Admón pública galega, como xa se recollía no acordo de xullo de 2019 apoiado por este sindicato, poida desfrutar deste dereito recollido na disposición oitava da LEPG. Ademais, en particular solicitou, o pago do grao I e II en dúas anualidades ou, de ser o caso, en tres sempre que en xaneiro de 2013 o importe retribuído acade o 80% do total do grao, garantindo o carácter retroactivo dos mesmos a xaneiro do ano en curso.

5.- Proxecto de Decreto, que modifica o Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se modifican os estatutos do consorcio Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

O DXFP traslada ás OOSS que o Consello Consultivo de Galicia solicita un trámite de audiencia previo en Comisión de Persoal, para a modificación do Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se modifican os estatutos do consorcio Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Esta modificación supón a incorporación, de acordo ao establecido na Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade privada Universidade Intercontinental de la Empresa como universidade privada do SUG, no consorcio da AXSUG.

UXT solicitou a desestimación desta petición, xa que considera que esta é unha entidade instrumental do sector público autonómico (45a da LOFAXGA), e como tal, NON SE DEBE INCORPORAR nos seus estatutos e no seu consello reitor unha UNIVERSIDADE PRIVADA.

COMISIÓN DE PERSOAL EXTRAORDINARIA (11/11/2022)

Na Comisión de Persoal tratáronse os seguintes puntos:

  1. Anteproxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia

UGT, coma xa se indicou no punto referido a este tema recollido neste documento, e tratado na Mesa Xeral de EEPP do día anterior a esta reunión, solicitou e acadou gran parte das reivindicacións. Ademais, acadou o compromiso do DXFP, pedindo a súa incorporación á acta da reunión, de poder analizar coas Consellerías afectadas a revisión en detalle das funcións e requisitos das distintas categorías incluídas para a súa modificación nesta lei. De tal xeito, que unha vez negociados os cambios, estes poidan ser incluídos para a modificación lexislativa, no prazo de emendas previsto durante o seu tramite parlamentario.

Apoiamos unha lei de amplo calado que afecta a moitas persoas da Admón autonómica (miles), que da seguridade xurídica a un proceso extraordinario, e non por iso, aceptamos que se vulneren os dereitos de colectivos minoritarios. Hai que coñecer en detalle todo o acontecido para poder opinar. Polo que, non é todo tan sinxelo como dicir «NON«, algo ao que algúns están abonados sabendo que os demais apoiaremos cuestións relevantes que a eles daranlles beneficios, cando o verdadeiramente importante é ser honestos, coherentes e responsables, buscando alternativas ás cuestións que non compartimos, pero entendendo que debemos conxugar múltiples intereses das persoas afectadas por esta lei.

VOTACIÓN: UGT a favor, CCOO a favor, CSIF a favor, CIG en contra.

2.- Proxecto de Decreto, que modifica o Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se modifican os estatutos do consorcio Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

VOTACIÓN: UGT en contra, CCOO en contra, CIG en contra, CSIF a favor.

INFORMA-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.