Sectores

Baremo dos procesos selectivos da Lei 20/2021. Reunión das OOSS con Función Pública


O Director Xeral da Función Pública comeza advertindo de que se trata dun primeiro documento para negociar e que seguramente o resultado final non será este documento. E unha proposta remitida as OOSS o pasado martes e que serve de base para o inicio das negociacións.

Despois das consultas internas na propia administración, presentan un documento que ten determinadas cuestións que son obrigadas pola lexislación básica, outras que seguen as recomendacións da Resolución da Secretaría de Estado do Ministerio e outras que son propias desta administración autonómica.

O baremo dividise en dous bloques, o do concurso-oposición, que ten unha importancia menor que afecta aproximadamente a un 10% da totalidade da OPE extraordinaria, e o concurso de méritos que afecta ao 90%, explica que sendo un tema complexo, hai que ir afinando dúas cuestións, para eles fundamentais:

  • Por un lado garantir a seguridade xurídica, polo tanto ter un baremo que, ante as seguras impugnacións, se poda defender e non poda ser impugnado por conter algunha desproporcionalidade evidente.
  • Garantir certa celeridade, nos procesos, cun baremo que intente simplificar o máis posible, por iso non aparecen cursos de moitas entidades, porque cantas máis cuestións se poñan no baremo máis difícil será a súa execución e menos áxil serán os procesos.

Ao igual que se remitiu ás OOSS, tamén se está estudando pola Asesoría Xurídica, e por AMTEGA aos efectos de adaptar un programa informático que permita ter máis axilidade no rexistro e cómputo de méritos e na resolución.

CONCURSO-OPOSICIÓN:

  • Establécese nun 60%-40%.
  • Oposición preferentemente tipo test.
  • Concurso cunha puntuación máxima de 60 puntos.
  • Lingua galega:
    • Sinálase que deberá acreditarse, cambiando o sistema que é o habitual, é dicir primeiro formúlase como requisito e si non se acredita, deberá realizarse un exercicio eliminatorio tipo test con cualificación de apto / non apto. Permite facer unha primeira criba de persoas opositoras.
    • Este criterio aplicarase tamén para o proceso por concurso.
  • Autoavalición:
    • Establecen a posibilidade de que as persoas aspirantes realicen unha avaliación que eles consideren acreditada, será a través dun programa específico no que haberá que ir marcando os méritos correspondentes para que automaticamente aplique unha puntuación final.
  • Méritos profesionais
    • Ata un máximo de 30 puntos.
    • Establecen dous grandes grupos de valoración: un de servizos nas administracións autonómicas de todo o Estado ata 30 puntos, e outro que abarca a experiencia no ámbito das administracións locais e estatal, onde a puntuación máxima se obtería con 25 anos.

Argumentan que a proposta de baremo distingue os servizos prestados noutras administracións, xa que a Lei 20 pretende diminuír a temporalidade por un procedemento extraordinario onde o máis importante a ter en conta son os servizos prestados por aquelas persoas que están en situación de temporalidade e que loxicamente cada un estabilice na administración na que está prestando eses servizos temporais, e que o baremo facilite conseguir ese obxectivo.

Consideran que pode presentarse persoas doutras CCAA que cumpran co requisito do idioma, e por iso ponderan cunha diferente valoración aqueles que prestan servizos nas administracións autonómicas respecto daqueles que o prestan nas administracións locais e estatal.

  • Outros méritos:
    • Máximo de 10 puntos, con unha redacción idéntica á que se establece no concurso de traslados e nos procesos selectivos que se están realizando ata o de agora.
    • Galego: puntuase o nivel superior ao esixido como requisito de acceso.
    • Pola superación de exercicios de procesos selectivos nesta administración en convocatorias dos 10 últimos anos para a mesma escala.
    • Por estar inscrito en listas do Decreto 37 e ter chamamentos na mesma escala
    • Por ter titulación igual ou superior á esixida ao requisito de acceso.
    • Por conciliación a mesma redacción que nos concursos de traslados.

CONCURSO:

  • Méritos profesionais máximo de 60 puntos.
  • Están abertos á negociación, a proposta analizouse cos criterios orientativos da Resolución da Secretaría de Estado de Facenda que regula como máximo os 60 puntos e tamén por ter unha certa prudencia pola Xurisprudencia, que poda considerar excesivo unha puntuación nos méritos que sexa determinante do proceso selectivo.
  • Para anular o efecto de igualación da valoración, dos servizos prestados, con outras administracións autonómicas non rexeitan contemplar un coeficiente multiplicador para valorar especificamente os servizos prestados nesta administración.
  • Considera que si podería defenderse con bastante seguridade xurídica a diferencia entre a administración autonómica e outras administracións e por outro lado si introducen un multiplicador, moderado, de 1,2 ou 1,3, que permita primar o traballo nesta administración. Entende que con este coeficiente multiplicador a valoración pode aproximarse ao 80% que era a primeira idea que tiñan respecto á cuantificación da experiencia.

Dan un prazo de alegacións a este documento, non teñen presa excesiva, si se pecha o acordo antes do mes de agosto ben pero non ten unha data que requira premura.

Está aberto a estudiar as achegas que se presenten polas OOSS, a analizar si a cantidade de anos que se poñen como límite son os que deben ser, ou hai que cambialos, esta tamén aberto a modificar, ampliar ou suprimir algún dos méritos propostos. Cree que non deben valorarse máis do que xa está 7 items, poderían ser menos, non comparte  facer máis divisións no tema da experiencia profesional. Non se pode suprimir nin os méritos profesionais nin a formación, todo o demais é negociable.

VALORACIÓN DE UGT:

  • En primeiro lugar consideramos que se obvia algo que é esencial que é a identificación de prazas, polo tanto insistimos que iso debería de quedar antes do mes de agosto, perfectamente aclarado, elo sen o prexuízo do que establece o Decreto de OPE, que contempla a posibilidade de incremento do número ofertado, na contía de ata o 10%, como así o indica a LEPG.
  • Compartido os principios reitores de seguridade xurídica e axilidade entendemos que teñen que estar supeditados a o principio fundamental que é cumprir o obxectivo da Lei 20, con independencia de cal é o contexto da Lei ou cal é a posición inicial que tivemos coa convalidación como RD Lei 14/2021 do acordo sindical previo que abriu paso o debate desta norma e que todos coñecemos as circunstancias da mesma.
  • Oposición: refírense exercicios tipo test, e debe especificarse que grupos terían máis dun exercicio e en que casos sería un só exercicio, así como as características de dita proba; no seu momento non se estimou a alegación de UGT de que non fosen eliminatorios, pero si é máis dunha proba, debería acumularse nunha soa nota final, deberían establecerse criterios como a non puntuación negativa, así como a característica de redución de temarios e adecuación ao contido funcional das probas de ditos test.
  • Baremos: partindo dunha estrutura común deberíamos de poder adaptar a diferentes especificidades e poder mover os tramos tanto na totalidade de servizos prestados como noutros méritos, porque pode haber unha consideración diferente na formación baremable por grupos ou incluso en servizos prestados en función da antigüidade a consolidar no colectivo. É necesario considerar cuestións como a do persoal da disposición transitoria décima, primeira parte do VCCU, que obxectivamente non están en listas do decreto, non é posible incluír as súas prazas nun concurso xeral e poñer unha condición que non poden cumprir. Teríamos que atender determinadas cuestións por seguridade xurídica.
  • Ámbito de aplicación: determinar de forma clara e nítida quen vai a convocar a partir deste marco xeral e a executar os criterios, diferenciando en Entes Instrumentais a b e a 45.a da LOFAXGA, en entes integrados e non integrados.
  • Acreditación de méritos: facilitar o cumprimento de forma máis universal, propoñendo a súa modificación á data da publicación da convocatoria.
  • Temporalizar a execución do proceso por concurso: reflexionar que si unha persoa cumpre os requisitos para participar no concurso e tamén no concurso-oposición, pero se supera o proceso de concurso e polo tanto accede a estabilidade nunha praza, sería de o artigo 50.3 da LEPG, polo que un propietario non pode participar, e evitara así a duplicidade.
  • Servizos prestados: excesivamente baixa a proporción de servizos prestados sobre o total do baremo, e non estamos de acordo con que non se diferencien os servizos prestados no posto que se convoca a consolidar.
  • Sistema de autoavaliación, consideramos que debe facilitarse un formulario en liña, entendemos que se facilitará a presentación acreditativa de méritos.

Apelamos a negociación con calma e remitiremos alegacións. Alegaremos a proposta pero xa anunciamos que se deben primar os servizos prestados e dentro destes, os que corresponden con esta administración. No proceso de concurso-oposición, respectaremos o obrigado pola LEPG, do 60-40, dividindo o 40% nun 35 en experiencia e un 5% en outros méritos. No proceso de concurso propoñemos tamén unha cuantificación diferente que consideramos máis axeitada ao obxectivo final e que se sitúa no 85% da experiencia e o 15% de outros méritos.

RESPOSTA DA DIRECCIÓN XERAL LOGO DAS INTERVENCIÓNS DAS OOSS:

  • Buzóns de postos: estase traballando en todas as Consellerías sobre os listados coas alegacións das OOSS, esperan poder remitilo a semana que ven.
  • Modelo único e homoxéneo de convocatorias: entende que non se pode facer un modelo de convocatoria para cada colectivo, porque considera que ten pouca seguridade xurídica. Van a traballar unha convocatoria modelo completa na que estean todas as cuestións, que remitiran para negociación.
  • Para o persoal de incendios haberá que ver algunha especialidade como a proba física. Laboral e funcionario de bombeiros serán convocatorias separadas, segundo os requisitos de acceso diferenciados. Ven difícil computar o tempo de servizos prestados nos Concellos en bombeiros se non se lle computa ao resto do persoal.
  • Pode facerse algunhas excepcións respecto aos órganos convocantes, nos entes da 45.a estarían dentro da convocatoria xeral coas bases completas do ámbito de FP e logo as 45.b elas. Os servizos prestados serán no ámbito do que se convoque, si o IGAPE convocase separadamente o coeficiente multiplicador sería sobre as prazas dese Ente.
  • A OPE publica todos os entes, en tanto que órgano superior de persoal da Xunta, a Comisión de Persoal, asume a competencia para realizar a oferta, sendo aprobada por este órgano, isto non impide que os EEII que o teñan autorizado por normativa propia, podan convocar.
  • Anos de experiencia máxima: non teñen maior interese en manter o número que está na proposta, consideran que quizá 13 ou 14 anos debera ser o que permitise chegar ao máximo de servizos prestados, pero iso formula un problema si chegan ao máximo moitas persoas logo a discriminación virá por cursos ou outros méritos e pode haber sorpresas. Pide precaución con esta cuestión.
  • Cursos: están os criterios que se aplican nos concursos de traslados, os cursos das Universidades non o ven, pero están abertos a propostas, pero deben permitir valorarse con facilidade.
  • Os procesos selectivos: analizará si contan os dos últimos 10 anos ou non, eles poñen esta temporalidade porque tecnicamente poden validalo tecnicamente.
  • Listas: haberá que incluír listas de algún organismo da 45.a e meter listas anteriores ao Decreto 37, non o negan.
  • Realización de exercicios: identificarase na convocatoria aqueles grupos que realizarán un único exercicio e aqueles que realizarán máis dun.
  • Nota de corte mínima: consideran que si debe levar nota mínima de corte.
  • Titulacións: revisarán, logo do escoitado das intervencións das OOSS, e do que se aporte como alegacións.
  • Valoración doutras categorías: si a pretensión é estabilizar unhas determinadas prazas dunhas concretas categorías, entenden que o que se debe valorar é o tempo prestado nesa categoría. Entende que outra cousa complicará cumprir co espírito da Lei.
  • Data de acreditación dos méritos: non é unha liña vermella.
  • Presentación nos dous sistemas selectivos: Realizado en primeiro termo o proceso de concurso e superado este e obtida praza, enténdese que se aplica o mesmo criterio que a quen ten praza e non poden volver a presentarse para a mesma categoría ou mesmo grupo, escala e clase polo sistema de concurso-oposición.
  • Autoavaliación: a puntuación cuberta no sistema dará unha valoración automática ao cubrir. As persoas candidatas o presentan cuberto e valorado. Antes de pagar a taxa sábese a nota que se ten, polo tanto si alguén non chega á nota mínima esixida escusa presentarse porque sabe que xa non entra. Si o sistema fai unha listaxe de puntuacións e nunha especialidade hai 200 participantes ordenados, ao igual que nos concursos, a administración ten un listado que comprobará xa baremados. Están valorando si procede a comprobación do dobre de persoas candidatas que prazas ofertadas.

Alegacións ata o venres 15 e próxima reunión entre os días 21 e 23.

 

VARIOS:

A preguntas de UGT, sobre a acumulación de prazas non cubertas da quenda de discapacidade, e información ao respecto de como están os procesos selectivos pendentes de publicar algunha das súas fases finais:

  • Confirma que as prazas non cubertas da quenda de discapacidade, nos procesos selectivos que recentemente se publicaron as listaxes definitivas, acumúlanse á quenda libre.
  • Así mesmo confirma que tomarán posesión as quendas de promoción interna, como é procedente, antes da quenda libre.
  • Sobre o cronograma de procesos pendentes de finalizar as súas baremacións, non pode concretar, a cuestión é que ao parecer está habendo algún problema coas mesmas. En canto teñan datos o publicarán, informa que están moi avanzadas algunhas das máis numerosas, confirmarán e comunicarán ás OOSS, segundo se poda ir avanzando nas publicacións. Confirma que están practicamente acabadas as de consolidación.

 

 

Informa T descargas

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.