Onte mantivemos unha xuntanza coa xerencia da empresa na que se trataron, entre outras, as seguintes cuestións:
OPE DE ESTABILIZACIÓN DE EMPREGO
Tendo en conta que a negociación no ámbito da Mesa Xeral aínda está sen rematar e que como é lóxico debemos esperar a ver como remata para poder concretar as especificidades que se deben negociar logo con SEAGA, UGT solicita que:
-
A empresa aporte os datos necesarios para o análise dos postos e así poder concretar os afectados polo procedemento de concurso e, de ser o caso, aqueles que eles interpretan que deben ir a concurso-oposición. Entendemos que debe estar xustificado cada un dos supostos, de existir o segundo, cuestión que poñemos en dúbida.
-
Sobre as bases das convocatorias e esperando a ver como transcorre todo, formularemos aquelas alegacións que beneficien ao persoal e que permitan acadar os obxectivos que transmite a Lei 20.
-
Tendo en conta que a foto final dos postos a marca a data de entrada en vigor da Lei, é dicir o 31 de decembro de 2021, tal e como xa temos formulado en demanda, os contratos das 18 persoas que estaban en contrato de todo o ano deben ser publicados, de conformidade coa DA 8ª, nos mesmos termos na convocatoria que se realice e os inclúa.
A empresa recolle as peticións manifestando que estarán ao que se determine por parte da DX da Función Pública.
OPE EXTRAORDINARIA DO 2022
No día de onte remitiu a DX da Función Pública unha convocatoria de Mesa Xeral Extraordinaria para o día 28, con único punto da orde do día ao respecto dos criterios da nova oferta de Emprego Público extraordinaria do 2022 relativa a determinados entes da Xunta de Galicia, entre os que está SEAGA.
A empresa confirmou que Función Pública solicitou datos para a realización da dita Oferta sobre os postos novos, derivados do novo cadro de persoal aprobado.
CHAMAMENTOS
Tendo en conta que existe un acordo aprobado polas Organizacións Sindicais na Mesa de Diálogo, que regula os chamamentos a realizar pola empresa, UGT considera que este acordo debe de desenvolverse máis polo miúdo en determinados aspectos, como pode ser, entre outros, a cuestión dos ámbitos en distritos limítrofes acoutando un número de quilómetros máximo, incluír un prazo mínimo entre chamamentos, no caso de ser rexeitado sen penalización.
Solicitamos que tamén se extrapole aos chamamentos de obra a renuncia por unha soa vez, sen penalización.
Admiten a proposta de que na Comisión de Seguimento se analice e desenvolva o Acordo.
PRORROGA DO CONVENIO DE FANXAS COA FEGAMP
Dado que a Consellería anunciou unha na súa web, o pasado 8 de xullo, que Xunta e FEGAMP “comparten a necesidade de prorrogar o convenio de protección das aldeas ao constatar o seu bo funcionamento desde a sinatura en 2018”, UGT interesa o coñecemento do estado desa prórroga polas implicacións que ten na contratación de persoal. Urximos que se asine á maior brevidade posible ao fin de que as persoas contratadas podan continuar coa vinculación á empresa para o desenvolvemento dos traballos.
CUESTIÓNS SALARIAIS
A igual categoría, igual traballo, e iguais funcións e tarefas corresponde igual salario. Non é de recibo que o persoal temporal non estea a percibir o mesmo salario que os seus compañeiros indefinidos non fixos, descontinuos, etc.
UGT solicita retomar a negociación das táboas salariais, no punto en que quedou estancado porque algunha organización se opuxo a continuar negociando… hoxe o persoal xa estaría percibindo o complemento de antigüidade ou trienios.