Sectores

Xuntanza sobre a taxa de reposición e os procesos de estabilización

Na mañá de hoxe a Federación de Servizos Públicos de UGT Galicia asistiu na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) á xuntanza convocada pola Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para expoñer a súa interpretación do artigo 217 do Real Decreto-lei 5/2023, de 28 de xuño (BOE do 29/06/2023), relativo á taxa de reposición e os procesos de estabilización.

Logo de informar de como se desenvolveron as sucesivas ofertas e convocatorias no ámbito do persoal docente da Consellería, indicando polo miúdo cantas prazas se ofertarán en cada un dos distintos procedementos de concurso de méritos e concurso-oposición, e lembrar cales foron os criterios aplicados por parte da Administración ao respecto de determinar o carácter estrutural das prazas, o subdirector xeral, Sr. Canosa Baldomir comunicou que a súa conclusión é que o artigo 217 non resulta de aplicación no ámbito do persoal docente da CCEFPU, de maneira que non haberá ningún procedemento de negociación nin cálculo de prazas e, xa que logo, ningún proceso de estabilización ademais dos xa previstos.

As organización sindicais presentes coincidiron en agradecer á Subdirección Xeral a súa dilixencia á hora de proporcionar aclaracións respecto da interpretación que fan dos efectos no noso ámbito do devandito artigo e tamén se amosaron de acordo coa conclusión, como consecuencia do traballo realizado para sacar adiante os procesos de estabilización con transparencia e unha correcta trazabilidade das prazas que cumprían co carácter estrutural conforme os criterios definidos, alén das discrepancias que se manifestaran no seu momento ao respecto da definición dos mesmos.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.