Sectores

Xuntanza UGT – SXT. C.E.I.I. Instituto Galego do Consumo e da Competencia


O pasado martes (27/09/2022) celebrouse unha reunión coa Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para abordar distintas cuestións que afectan ao persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

As reivindicacións do persoal desta entidade veñen de lonxe, e xa foron asumidas por esta OOSS dende hai tempo, posto que xa en novembro de 2017 rexistráronse as peticións que trasladamos de novo na reunión aos representantes da consellería (Secretario Xeral Técnico, Xerente do IGCC e Subdirectora Xeral de Coordinación Administrativa). En concreto, expuxéronse as seguintes cuestións:

INCREMENTO DE NIVEIS

Na Administración autonómica galega non existe unha homoxeneidade retributiva entre os distintos corpos de inspección, algo que se leva reivindicando hai anos por esta OOSS e que nas últimas MX celebradas no mes de xullo, a DXFP abriuse a estudar. Os diferentes corpos de inspección contan con diferentes niveis e diferentes retribucións complementarias. Así, mentres que os/as inspectores/as de consumo e os/as subinspectores/as (agora axentes), contan cuns niveis 20 e 18, respectivamente, outros coma os/as inspectores/as de turismo ou os/as inspectores/as de comercio (que están dentro da mesma consellería) contan cun nivel 22; ou os/as inspectores/as de traballo e os/as inspectores/as de xogo teñen un nivel 25.

Dende UGT expúxose a necesidade de revisar e adaptar os actuais niveis dos inspectores e dos axentes de consumo ás funcións desenvolvidas polos mesmos, definindo claramente a súa vez os cometidos concretos a realizar, xa que a Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia, mostra unha certa indefinición ao recoller o seguinte no artigo 5.3 “Corresponde aos subinspectores de consumo a prestación de apoio ás labores encomendadas aos inspectores de consumo”.

Dende a Secretaría Xeral Técnica comprometéronse a revisar esta situación e posibilitar a súa corrección, crendo que é razoable a petición efectuada, xa que como se indicou con anterioridade, a práctica totalidade dos corpos de inspección están en niveis superiores, e cando non é así, dispoñen duns complementos específicos moi superiores aos retribuídos na inspección de consumo.

PROMOCIÓN INTERNA

Outra problemática engadida á situación anterior é a ausencia total de oferta de prazas de promoción interna para o acceso á inspección de consumo. A única vez que se convocaron prazas para a escala de inspección de consumo foi no ano 2008 (DOG nº 236, do 04.12.2008). Nese momento, o persoal da subinspección de consumo era de recente ingreso e non puido participar no proceso de promoción interna.

Dende UGT solicitouse a oferta de prazas de promoción interna para a inspección de consumo, comezando por convocar as prazas xa ofertadas en OPEs pasadas e non convocadas, que poden ser máis, pero cando menos, sabemos da existencia de catro prazas de PI da escala de inspectores/as de consumo (A2), aínda sen convocar a día de hoxe, incluídas nas OPEs 2019 e 2021, respectivamente. Solicitamos que se estableza unha axeitada oferta de prazas de inspección de consumo (A2) por PI, para atender a xusta demanda de todo o persoal de axentes (menos de 30 persoas), a realizar nos vindeiras Ofertas de Emprego Público. Xa que, no DECRETO 62/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, establécese no artigo 3.3 que no proceso de promoción interna para o acceso ao corpo superior de administración xeral (subgrupo A1) tamén poderá participar o persoal funcionario de carreira do corpo de xestión de administración xeral, da escala de inspectores/as de consumo (subgrupo A2) e da escala de inspección turística (subgrupo A2).

Dende a Secretaría Xeral Técnica comprometéronse a revisar esta situación, e estudar coa DXFP e DXPOrzamentos a posibilidade de dar resposta á demanda comentada, coa oferta de novas prazas de promoción interna nas vindeiras OPEs, comezando por convocar o máis asiña posible as prazas incluídas nas OPEs 2019 e 2021.

UGT entendendo que as demandas presentadas, que reiteran o xa demandado nos últimos anos, son xustas e necesarias para garantir a equiparación retributiva e a posibilidade de mobilidade deste colectivo, que polas súas especificidades, xa que se trata dunha escala dentro da Administración Xeral non ten posibilidades reais de mobilidade nin horizontal nin vertical, agarda unha resposta áxil e positiva por parte da SXT da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

INFORMA-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.