O pasado día 26 de xuño tivo lugar a reunión da Comisión, na que se trataron as seguintes cuestións:
Coeficientes redutores
A secretaria xeral da Consellería do Mar informa de xestións diante do Grupo Parlamentario Popular no Congreso e Senado respectivamente, co obxecto da presentación dunha iniciativa de carácter lexislativo coa finalidade de superar o actual marco legal que non permite ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia acollerse a esta medida. Esta iniciativa levarase tamén, ao pleno do Parlamento de Galicia.
UGT informa na xuntanza das xestións que a través dos órganos federais da nosa organización así como a través da representación formal do Estado na nosa Comunidade Autónoma (Delegación do Goberno) iniciamos xa hai uns meses, co obxectivo coincidente por todas as partes presentes na xuntanza (OOSS e Consellería do Mar), de conseguir a aplicación dos coeficientes ás e aos profesionais do Servizo.
Segunda Actividade
Infórmasenos que se está a traballar sobre a inclusión, na próxima lei de medidas, de outros supostos a engadir ao da idade, aproveitando tamén para regular as funcións da segunda actividade.
UGT advertiu de que os postos creados para esta situación son insuficientes, debe procederse de igual forma que na Consellería do Medio Rural, ofertando un número suficiente distribuído polas distintas bases que permita que a segunda actividade sexa unha medida eficaz.
Actos con restricións
Dáse conta dunha xuntanza coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal onde se informa da necesidade de chegar a unha solución de carácter global en tanto en canto está problemática non é exclusiva do Servizo ao afectar igualmente a outros colectivos de empregadas/os públicos. Quedaron en trasladar unha proposta, na que se apunta a posibilidade de postos que dependendo de Servizos Centrais serían mobilizados alí onde fose necesario, mentres durase esa situación de “acto con restrición”.
UGT recoñece que se está ante un problema de xestión que afecta, en primeiro lugar ás persoas afectadas e en segundo lugar á prestación do servizo. Esperaremos a ter a proposta por escrito para emitir opinión, pero deberá contarse coa posibilidade da irreversibilidade da restrición.
Entrada en vigor RD 505/24 polo que se regulan os recoñecementos médicos de aptitude e a protección da saúde das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro embarcadas.
Infórmasenos que tal e como se recolle no artigo 6.1.c do RD, un dos requisitos para solicitar os recoñecementos médicos de aptitude é o de estar afiliados e en situación de alta ou asimilada ao alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar. Iso implica que o persoal do Servizo de Gardacostas ao estar incluídos no Réxime Xeral non serían susceptibles de aplicación desta norma, polo que desde a Consellería solicitouse formalmente ao Instituto Social de la Marina unha aclaración de como proceder ao respecto.
UGT advirte que tamén hai persoal do Parque Nacional marítimo- terrestre das Illas Atlánticas afectado por esta medida, polo que a solución aportada debería ser compartida coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Cadrantes
A Consellería procedeu a aclarar as dúbidas formuladas na reunión.