🤝 CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF, como organizacións sindicais asinantes do “Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo galego”, vimos de rexistrar formalmente ante a Consellería de Educación unha solicitude de adaptación dos recursos de atención á diversidade á realidade actual dos centros educativos.
🧐 Esta esixencia responde a unha demanda histórica das nosas organizacións e dá continuidade ao traballo iniciado co Acordo de 2023, que xa supuxo importantes avances como a baixada progresiva de ratios, o cómputo dobre e triplo do alumnado con necesidades educativas especiais e a defensa de unidades ante o descenso de alumnado, especialmente no rural.
Porén, consideramos que estas medidas, sendo positivas, deben ser complementadas con outras actuacións ante o incremento das necesidades educativas e a crecente complexidade que viven os centros.
⚠️Un catálogo obsoleto e recursos insuficientes
O catálogo de postos de traballo dos centros de infantil e primaria, vixente desde 2007, non responde á realidade actual do sistema educativo galego. É necesaria unha maior dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, hai que resolver as dificultades coa asignación de persoal coidador ou atallar a ausencia doutros perfís profesionais como psicoloxía ou enfermería escolar, que evidencian esta desactualización.
A situación é igualmente preocupante nos departamentos de Orientación e nos Equipos de Orientación Específicos, que se atopan claramente desbordados pola carga de traballo e pola falta de persoal.
📌Propostas concretas
No escrito rexistrado solicitamos:
🟥A negociación urxente dun novo catálogo de postos adaptado ás necesidades reais dos centros de infantil e primaria.
🟥A definición de criterios básicos para a dotación de persoal de atención á diversidade no resto das etapas.
🟥O establecemento dunha ratio orientador/a–alumnado acorde co criterio recomendado internacionalmente de 250 alumnos por profesional.
🟥O incremento da dotación dos Equipos de Orientación Específicos para atender adecuadamente as demandas dos centros.
🟥Compromiso coa inclusión real
✅ Esta iniciativa é continuación dunha liña de traballo sostida no tempo. Somos coñecedores da realidade, recollemos as demandas do profesorado nas asembleas que realizamos nos centros e compartimos os mesmos obxectivos das familias.
É hora de que a Consellería de Educación aporte os recursos para contar con todo o persoal necesario e cunha planificación estrutural que garanta unha inclusión real e efectiva de todo o alumnado.
Como organizacións asinantes do Acordo de 2023, estamos desenvolvendo as medidas pactadas e empregando a vía institucional que nos corresponde para avanzar en novas melloras.
Seguiremos traballando con responsabilidade, firmeza e rigor para poñer solución ás eivas do sistema educativo galego.

