Sectores

UGT SP, XUNTO CON OUTROS SINDICATOS E ASOCIACIÓNS EMPRESARIAIS, DENUNCIA A FALTA DE FINANCIAMENTO E A PRECARIEDADE LABORAL NO SECTOR DA DISCAPACIDADE

UGT SP -xunto coas organizacións sindicais CIG e CCOO, e as asociacións empresariais AEDIGAL e IN-RED- mantivemos un encontro o pasado 28 de xullo para abordar a grave situación que vive o sector de atención ás persoas con discapacidade en Galicia. Así, reclamamos á Xunta de Galicia actuacións urxentes ante a falta de financiamento e a precariedade laboral que sofre o persoal dos centros concertados.

Patronais e sindicatos asistentes coincidimos en que é urxente dar unha resposta ás grandes necesidades do sector:

  • Dignificar os salarios das persoas traballadoras.
  • Garantir retribucións máis próximas á realidade autonómica.
  • Reducir a crónica rotación de persoal, afianzar e captar profesionais para dar estabilidade ao servizo.
  • Crear un marco salarial autonómico estable para as entidades do sector no marco do concerto social da discapacidade.

No caso específico de Galicia, os importes das novas táboas salariais que establece o Convenio estatal quedan moi lonxe das táboas que aplica a mesma Xunta de Galicia nos centros de atención á discapacidade que son de súa titularidade.

Para UGT e os outros sindicatos presentes na pasada reunión do 28 de xullo, os centros sen ánimo de lucro de atención á discapacidade teñen cada vez máis dificultade para atopar persoal cualificado.

Á hora de recrutar persoal, o sector sofre a competencia doutros actores, como a administración autonómica e grandes corporacións do ámbito da dependencia, que poden garantir mellores condicións de traballo, en termos de salarios máis elevados e incentivos. Así, para reducir esta problemática de falta de persoal no sector en Galicia, é fundamental incrementar as retribucións das persoas traballadoras. Doutro xeito, os centros non poderán seguir ofrecendo un servizo de calidade nin cumprir cos requirimentos do concerto social.

Por todo isto, esiximos á administración:

  • O cumprimento do compromiso de financiamento dos incrementos salariais establecidos no convenio estatal para o período 2025-2027, dacordo co artigo 35 da convocatoria do concerto social.
  • Que se constitúa un espazo de comunicación permanente entre a Xunta de Galicia, as patronais e os sindicatos máis representativos do sector, co obxectivo de estudar a creación dun complemento salarial autonómico e a modalidade de financiamento por parte do Goberno autonómico, sen prexuízo de avanzar cara a unha negociación colectiva autonómica doutras materias, se se deran as bases necesarias.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.