Sectores

UGT-SP E OUTRAS OOSS CONVOCAN UNHA CONCENTRACIÓN O 26 DE XUÑO PARA EXIXIR ACORDOS DIGNOS NO ENSINO CONCERTADO

UGT-SP e outros sindicatos con representación no Ensino Concertado (FSIE, CCOO, USO e SNEP) convocamos unha concentración o xoves 26 de xuño, ás 11:30 horas, fronte ás dependencias da Xunta en San Caetano (Compostela). O desprezo da Administración galega ás persoas traballadoras do ensino concertado é flagrante. Estamos ante unha longa traxectoria histórica de reivindicacións que non se escoitan (recoñécense pero non se asumen), o que provoca un retroceso nos dereitos do colectivo:

  • Non temos Xubilación Parcial con contrato de relevo.
  • Paga Extraordinaria de Antigüidade (PEA). Prohibida por orzamentos desde o ano 2012.
  • Cada día máis lonxe da homologación salarial. Nin sequera se respectou o Acordo Plurianual 2008-09-10, que tamén se prohibiu vía orzamentos.
  • Non hai redución da carga de horas lectivas.
  • O Persoal de Administracións e Servizos (PAS) non ten pago delegado.
  • Tampouco se recoñecen complementos de cargo como o do equipo de coordinación lingüística ou o de titoría.

Galicia é a única comunidade autónoma do Estado sen avances no ensino concertado. Desde o 2010, a Administración autonómica deixou de aboar a PEA, o que supón que a Xunta teña unha débeda media con cada persoa traballadora de 12.000 €. Nas Illas Baleares cobran dous sexenios e están a negociar o terceiro. En Cantabria, a homologación salarial vai en automático grazas a un acordo que actualiza o complemento autonómico para que non haxa diferenzas nas retribucións do ensino privado respecto ás do ensino público. En Madrid páganse as horas de titorías… Nas distintas comunidades hai acordos de redución de carga lectiva asociada á idade, ou de incrementos da calidade docente reducindo o rateo alumnado/aula. En Navarra e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla xa chegaron a acordos de adaptación da xubilación parcial en sintonía coa nova regulación da Lei da Seguridade Social.

En Galicia, en agosto do 2024, asinouse un acordo de xubilación parcial con contrato de relevo no que se podía reducir a xornada ata un máximo dun 50% con dous anos de anterioridade á xubilación ordinaria. Coa nova lei da Seguridade Social -en vigor desde o pasado mes de abril- a Administración galega propón unha xubilación parcial cun máximo dun ano antes da idade ordinaria da xubilación e con dúas datas fixas para poder acceder á prestación, reducindo o tempo medio da prestación a 7 meses. É dicir, algo ridículo e inadmisible.

Así, a última proposta da Consellería respecto á Xubilación Parcial con contrato de relevo é a gota que reborda o vaso do desprezo a un sector esquecido e claramente ignorado por esta Administración. Basta xa! É hora de que o sector esperte, tome a rúa e un novo rumbo para o presente e o futuro!

Acordos Dignos no Ensino Concertado XA!