Sectores

UGT-SP denuncia a mercantilización da educación superior e esixe unha defensa firme da Universidade Pública

Desde UGT-SP asistimos con profunda preocupación a un proceso progresivo de perversión e mercantilización da educación superior, derivado do crecemento desmesurado de universidades privadas. Este fenómeno está a dar lugar a unha proliferación de titulacións que compiten de forma desleal coa oferta académica das universidades públicas, poñendo en risco a súa sustentabilidade, o seu prestixio e a súa función social.

UGT-SP xa o advertiu e mobilizouse activamente para impedir a implantación dunha universidade privada en Galicia, xa que o Sindicato considera que se produce así unha duplicidade innecesaria que supón unha ameaza directa para o sistema universitario público galego. Naquel momento algún dos sindicatos que hoxe alertan sobre este feito non fixeron fronte común en defensa da universidade pública galega.

UGT-SP denuncia que a día de hoxe, tal e como están configuradas as universidades privadas galegas, non están a operar cos criterios de calidade que se lle presupoñen a unha institución destas características. O persoal docente traballa en condicións precarias e, nalgúns casos, sen a formación suficiente. Os procesos de selección carecen de transparencia e non se axustan aos criterios de excelencia e rigor esixidos nas universidades públicas. As universidades privadas operan orientadas ao beneficio económico de fondos de investimento e entidades financeiras, polo que non xestionan con vocación educativa ou científica.

Regras comúns e cumprimento da LOSU

Por todo isto, UGT-SP esixe igualdade de condicións e regras comúns para todas as universidades. Isto pasa polo mesmo número de alumnos por curso; equiparación nos requisitos de acreditación de titulacións, instalacións e medios; condicións de acceso e contratación docente equivalentes ás esixidas no sistema público; emprego estable e de calidade para todo o persoal docente e investigador; en definitiva, a Administración debe esixir ás universidades privadas o cumprimento dos requisitos establecidos na LOSU, tanto en materia de persoal, como de financiamento e transparencia no acceso.

Financiamento axeitado para a universidade pública e eliminación dos obstáculos normativos

Isto ten que ir parello a un financiamento axeitado para a universidade pública que garanta a calidade docente e investigadora e a eliminación dos obstáculos normativos como a taxa de reposición ou os límites ao incremento da masa salarial. Porque ambos elementos limitan o crecemento e renovación do persoal académico, freando a adaptación das universidades públicas aos actuais desafíos.

Finalmente, UGT-SP insta á Xunta e Goberno central a comprometerse coa defensa, mantemento e fortalecemento da universidade pública, como piar fundamental do dereito á educación, cohesión territorial e desenvolvemento científico e cultural. coa defensa, mantemento e fortalecemento da Universidade Pública, como piar fundamental do dereito á educación, a cohesión territorial e o desenvolvemento científico e cultural da nosa sociedade.