Dende o Sector de Ensino da UGT-Servizos Públicos de Galicia, acabamos de entregar o 2º premio de Innovación Educativa convocados por Escola Viva, ao IES O Ribeiro de Ribadavia (Edificio Abrente, Sampaio).
O premio, consistente nun diploma acreditativo e unha dotación económica de 800 €, recoñece o valor innovador dun proxecto interdisciplinar e integrador de alumnos de educación especial nunha experiencia de escolarización combinada en centros ordinarios.
A inclusión de alumnos de educación especial en centros ordinarios sempre foi unha reivindicación da UGT nos foros institucionais nos que participa. Defendemos a inclusión como valor de convivencia, para todo o alumnado, para todo o profesorado e para toda a sociedade. A inclusión beneficia a todos.
Pero a inclusión non ten o camiño feito; cada neno, cada nena de E.E. ten unhas circunstancias propias, require, como ben se di na xustificación do proxecto, “centrarse na vida do alumno, onde organización, sistema, estrutura e normativa estean ó servizo da persoa con discapacidade; en vez de que fora a persoa con discapacidade a que tivera que adaptarse ó sistema”
O Sector de Ensino de UGT – Servizos Públicos de Galicia leva dende o curso 2003/2004 participando nestes premios, aos que se poden presentar profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados, teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.
En todas as convocatorias houbo unha importante participación, unha media de 50 a 70 proxectos. Sempre estiveron representadas as 4 provincias e queremos destacar o esforzo do profesorado por innovar e por presentar novidosos e interesantes proxectos nos que o máis beneficiado é sempre o alumnado.
Dentro das bases está recollido que, xunto cos 1º e 2º premio, dotados cunha determinada cantidade económica , o xurado ( composto por docentes con experiencia contrastada no eido da innovación educativa) pode outorgar mencións honoríficas.
No curso 2019-2020 os traballos presentados foron 52 e os premiados foron os seguintes:
1º premio: “PATRIMONIANDO no IES de Ponte Caldelas”, das profesoras Isabel Torres Jack, Susana Trigo Arcos e Sabela Otero Gago.
2º premio: “TRANSFORMAR PARA INCLUÍR NA FP BÁSICA DE INDUSTRIAS ALIMENTARIAS” do IES O Ribeiro de Ribadavia, dos profesores coordinadores Verónica Antúnez González e José Antonio Sarmiento Campos.
1ª Mención Honorífica: «A HUMANIZACIÓN EDUCATIVA DA ESCOLA HOSPITALARIA E DOS ESPAZOS DE ATENCIÓN Á INFANCIA HOSPITALARIA» da profesora Pilar Porta Rodríguez, da Aula hospitalaria Arquitecto Marcide (CHUF-Ferrol).
2ª Mención: «CIDADE VERDE» do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín.