Sectores

UGT Servizos Públicos entrega a 1ª Mención Honorífica dos premios de Innovación Educativa á Aula Hospitalaria Arquitecto Marcide


O Sector de Ensino de UGT-Servizos Públicos de Galicia, ven de facer entrega da 1ª Mención Honorífica  dos premios de Innovación Educativa convocados por Escola Viva, á  Profesora Pilar Porta Rodríguez da Aula Hospitalaria Arquitecto Marcide de Ferrol polo proxecto: “A humanización educativa da escola hospitalaria e dos espazos de atención á infancia hospitalaria”.

Sandra Montero Nogareda, Secretaria do Sector de Ensino, fixo entrega  dun diploma  acreditativo como recoñecemento ao valor innovador dun proxecto fundamentado nas bases da pedagoxía hospitalaria coa intención de axudar ao menor enfermo a continuar desenvolvéndose coa maior  normalidade posible.

O obxectivo do proxecto, feito realidade a día de hoxe; é facer da aula hospitalaria un espazo máis activo, participativo, interdisciplinar e integrador, en definitiva, busca a mellora do clima sanitario, humanizando diversos espazos dende un enfoque educativo que cada día crea na infancia hospitalizada ilusión, emoción e expectativas positivas que lles axudan a evadirse dos seus medos e temores.

Estes premios, aos que se poden presentar profesores de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria, Ensinanzas Artísticas e de Réxime especial e Formación Profesional de centros públicos e concertados, teñen como obxectivo recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.

En todas as convocatorias houbo unha  importante participación, unha media de 50 a 70 proxectos. Sempre estiveron representadas as 4 provincias e queremos destacar o esforzo do profesorado por innovar e por presentar novidosos e interesantes proxectos nos que o máis beneficiado é sempre o  alumnado.

Dentro das bases está recollido que, xunto cos 1º e 2º premio,  dotados cunha determinada cantidade económica , o xurado (composto por docentes con experiencia contrastada no eido da innovación educativa) pode outorgar mencións honoríficas. 

No curso 2019-2020 os traballos presentados foron 52 e os premiados foron os seguintes:

1º  premio: “PATRIMONI…ANDO no IES de Ponte Caldelas”, das profesoras Isabel Torres Jack, Susana Trigo Arcos e Sabela Otero Gago.

2º premio:  “INCLUSIÓN” do IES O Ribeiro de Ribadavia.

1ª  Mención Honorífica:  «A HUMANIZACIÓN EDUCATIVA DA ESCOLA HOSPITALARIA E DOS ESPAZOS DE ATENCIÓN Á INFANCIA HOSPITALARIA» da profesora Pilar Porta Rodríguez, da Aula hospitalaria Arquitecto Marcide (CHUF-Ferrol).

2ª  Mención Honorífica:  «CIDADE VERDE» do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.