UGT Servizos Públicos chama a folga, o día 15 de novembro, ás traballadoras do convenio colectivo da educación infantil.
A manifestación será ás 11:30 horas na Alameda de Compostela.
O sindicato convoca trala proposta da patronal (do pasado 2 de novembro), que é insuficiente tanto nas táboas salariais das privadas como nas de xestión indirecta, quedando de manifesto o interese das organizacións patronais de introducir recortes laborais fronte ao convenio colectivo vixente.
UGT ven manifestando desde o pasado mes de maio a necesidade de complementar a negociación colectiva coa presión mediante mobilizacións de intensidade crecente, progresivas e consensuadas entre organizacións. Así o manifestou sempre UGT Servizos Públicos nas distintas reunións intersindicais nas que se valoraban distintos camiños a seguir coas medidas de presión ás patronais, incluíndo a folga como un “golpe na mesa”, pero sen queimar etapas.
Precisamente, é a reunión da comisión negociadora do día 2 de novembro a que marca o momento de dar un paso máis ao non alcanzar os resultados desexados.
UGT Servizos Públicos sempre considerou que as mobilizacións deben ser ben xestionadas ao descoñecer a duración destas, salvagardando os dereitos das propias traballadoras ás que se convoca.
Máis días de folga non é unha garantía para conseguir os obxectivos desexados, razón pola cal o sector de Ensino de UGT poñerá todos os recursos á súa disposición para que a convocatoria do día 15 de novembro sexa un éxito de participación. Esperemos que sirva de mensaxe clara para as organizacións patronais para que melloren as propostas salariais e de que deben cambiar as receitas propostas para que a negociación do Convenio Colectivo chegue a bo porto.
UGT Servizos Públicos quere lembrar que sempre defendeu a unidade sindical. Este é un dos motivos polos que se escolle a xornada de folga o día 15 de novembro, para confluír nun acto masivo que agrupe a todas as traballadoras e traballadores da Educación Infantil.
UGT lembra que, co seu carácter de primeira federación do ámbito dos servizos públicos deste país, segue coa súa promoción de negociación coas distintas Consellerías das comunidades para a negociación dun complemento autonómico para o sector, ao estilo do que se ten no ensino concertado.
Así, a gratuidade no ensino e a universalización da escolarización do 0-3 anos debe contar coas persoas traballadoras.