Sectores

UGT firma un acordo que xenera emprego, estabiliza postos e axiliza os procesos selectivos


O texto establece a planificación plurianual como método axeitado, fai un esforzo especial para dotar de recursos á Seguridade Social e contempla unha revisión da Promoción.

O Acordo da Oferta de Emprego Público (OEP) para 2022 crea emprego na Administración Xeral do Estado (AGE), con 15.880 prazas de novo ingreso, o que supón 5.549 por encima das vacantes que se produciron no ano 2021, cifradas en 10.331. Cúmprese desta forma o establecido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2022, que recollía un incremento da taxa de reposición de efectivos na AGE do 120% nos sectores prioritarios e do 110% nos demais sectores. En promoción interna serán un total de 9.591 prazas. As prazas de estabilización ascenden a 4.107, en cumprimento do establecido na “Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público”, que esixe que a Administración tramite e publique, antes do 1 de xuño de 2022, a OEP de estabilización de emprego temporal na Administración Xeral do Estado.

fd8d766dc2ab1daa92aaf39ff3eeaa94 XL 1

 

Axilización dos procesos selectivos.

O Acordo incorpora medidas para axilizar os procesos selectivos a través do diálogo social, tal como esixiu UGT Servizos Publicos. O sindicato sinalou que o obxectivo é facer posible unha cobertura máis rápida das prazas dos procesos de quenda libre e de promoción interna da AGE e aproximar, o máximo posible, o momento de incorporación dos novos efectivos á publicación das ofertas. Na actualidade, só o intervalo entre a publicación da oferta e a convocatoria efectiva pode chegar a demorarse máis de dous anos, polo que as necesidades de persoal para atender á cidadanía non se cumpren adecuadamente.

Para logralo, as convocatorias publicaranse no mesmo exercicio que se aprobe a OEP e reducirase o tempo máximo entre os exercicios que compoñan a fase de oposición da quenda libre, para reducir significativamente o tempo de duración do proceso selectivo. No mesmo senso, incluiranse a acumulación das prazas non convocadas de OEPs de ata os tres anos inmediatamente anteriores. En todo caso, comprométense a que os traballos para propiciar a axilización que se persegue deberán estar finalizados antes o 31 de decembro de 2022.

 

Planificación plurianual.

O texto contempla, tal como propuxo UGT Servizos Públicos ao Goberno en numerosas ocasións, a necesidade de realizar a planificación plurianual das necesidades de persoal da Administración. Esta é a fórmula axeitada para alcanzar, tanto cuantitativa como cualitativamente, os recursos óptimos para a prestación servizos á sociedade e anticipar a previsión de incorporación de persoal que recollerán as ofertas de emprego, analizando as causas, oportunidades e políticas públicas onde será necesaria unha maior intensidade de incorporacións en futuros exercicios.

 

Reforzo de prazas na Seguridade Social.

Á Administración da Seguridade Social destinaranse, ademais do cómputo de reposición ordinaria, 1.150 prazas máis con carácter adicional, como consecuencia dos tres novos servizos que se lle encomendou, entre eles o ingreso mínimo vital.

 

Revisión dos procesos de promoción interna.

O acordo establece que se negociará nos próximos tres meses, xunto coas organizacións sindicais a través do diálogo social, un proceso de revisión dos procedementos de promoción interna do persoal funcionario de carreira e do persoal laboral, co fin simplificalos en aras da súa mellora. Trátase de lograr unha maior eficiencia na súa execución para que repercuta nunha máis ampla cobertura das prazas convocadas e que se reduzan os tempos de incorporación do persoal aos novos postos.

En concreto e co obxectivo da súa aplicación aos procesos que se teñan que convocar en execución da OEP para 2022, respecto da fase de oposición simplificaranse e reducirán temarios e exercicios para non incidir en contidos xa coñecidos como consecuencia do seu desempeño polas persoas aspirantes, a reserva de nota da fase de oposición para unha próxima convocatoria se non se supera o proceso, etc. Así mesmo seguirase traballando na liña da descentralización destes exercicios como nas últimas convocatorias e, en canto á fase de concurso, reforzarase o curso selectivo como fase formativa e de avaliación de contidos prácticos directamente relacionados coa selección para a adxudicación das novas prazas ás persoas candidatas que o superen.

 

UGT Informa.T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.