Sectores

UGT Ensino en defensa do profesorado

COMUNICADO DE PRENSA: XUNTA DE PERSOAL DOCENTE NON UNIVERSITARIO DE OURENSE

6 de marzo de 2025

A semana pasada, o luns 24 de febreiro, o exterior do IES As Lagoas apareceu cheo de
panfletos a modo de nota necrolóxica co lema “derecho a aprender matemáticas”.
Posteriormente, o mércores 26 produciuse unha concentración por parte desas persoas
acosando ao profesorado e dirección do centro educativo, difundindo tamén en redes
sociais e medios de comunicación informacións totalmente falsas.


Dende esta Xunta de Persoal non podemos tolerar as formas mafiosas para resolver
cuestións académicas que teñen cauces perfectamente establecidos e, que non queren
respectar ou quizais non colman os seus intereses particulares e pretenden satisfacelos
amedrentando ao profesorado coa ameaza pública e a difamación gratuíta. Nós facemos
unha defensa inequívoca do ensino público coa convición de que é a mellor garantía da
escola plural, xusta e democrática, sendo o funcionariado docente un dos piares nos que
se sustenta esa anhelada igualdade de oportunidades.


Calquera desconformidade cunha nota ou con calquera aspecto curricular dunha materia
teñen un itinerario de reclamación que pasa pola titoría, o centro e a inspección educativa.
Teñen todos os cauces administrativos e xudiciais para velar polos seus dereitos. A
coacción é inadmisible e non é un exemplo para o alumnado.


Hoxe esta Xunta de persoal docente entrevistouse co Director Territorial de Educación
para esixir que se involucre na solución deste caso gravísimo contra unha docente, contra
unha dirección e contra un centro educativo, que podería ser contra calquera compañeira
ou compañeiro que hoxe ten que facer fronte a unha innegable falta de confianza e o
cuestinonamento constante do seu traballo. A Consellería de Educación non pode ignorar
e non actuar ante a desprotección do colectivo docente.


Esiximoslle que ten que saír en defensa do profesorado, explicando que existen medios
perfectamente regrados para que calquera membro da comunidade educativa que
discrepe na metodoloxía, cualificacións, actitudes ou calquera outra cuestión relacionada
co proceso de ensino-aprendizaxe. Ten que esixir que se empreguen eses cauces legais
para obter as explicacións pertinentes e ten que mostrarse intolerante e contundente ante
actitudes manipuladoras e demagóxicas das responsábeis destes ataques ao
profesorado, ao ensino público e á institución que representa.


Precisamente para reclamar esta esixencia, a dignificación da nosa profesión e pola
dignidade do profesorado, dende esta Xunta de Persoal Docente tamén facemos un
chamamento ao profesorado do ensino público para que participe na concentración que
levaremos a cabo o vindeiro mércores día 12 de marzo ás 19:00 horas, na rúa Concello,
diante da Dirección Territorial de Educación.


En Ourense, 6 de marzo de 2025.