UGT Servizos Públicos Ensino xa advertiu, cando a Consellería de Educación propuxo na Mesa Sectorial o cambio de calendario, o paso das probas extraordinarias de setembro a xuño, que isto non ía funcionar e amosou, polo tanto, o seu desacordo.
Hoxe a realidade, dálle a razón ao Sindicato. Resulta difícil que o alumnado en dúas semanas poida recuperar materias suspensas e, aínda menos, o alumnado con necesidades específicas. Un reforzo que debería ser diferenciado atendendo ás necesidades de cada alumno/a e que, evidentemente, imposibilita a labor do profesorado na aula.
Xa naquel momento UGT Ensino expuxo as súas dúbidas sobre que se ía facer co alumnado que o día 6 de xuño tiña todo aprobado, por moito que se propoñían exercicios de ampliación, xa se sabía que na práctica isto ía ser “un conto”. Por unha banda, alumnado sen inquietude de subir nota ou alumnado que sacou moi boas cualificacións e continúan “castigados” facendo exercicios de repaso, xa que o esforzo non se premia en absoluto.
Naquel momento UGT Ensino tamén expresou as súas dúbidas de como ían xestionar os docentes esta nova situación.
E, de feito, o Sindicato transmitiulle a preocupación dos docentes á Consellería ante un final de curso que xa apuntaba que sería “caótico”, como así está a suceder. O profesorado desbordado para atender a todos e todas e con moitas faltas de asistencia por parte do alumnado.
Esta experiencia debería facer recapacitar á Consellería de Educación xa para que esta situación non se volva a repetir o vindeiro curso.
Varios medios xa se fixeron eco desta problemática como se pode ver nestas novas de El Ideal Gallego e Galicia Confidencial