Sectores

UGT Ensino aposta pola redución do rateo por aula, ata chegar ó tope de 18


Santiago, 1 de abril de 2022.- UGT-SP Ensino volve manifestar a súa postura en canto a redución de rateo nas aulas para unha calidade do ensino real.

Moitos son os motivos e os feitos que demostran que unha redución de alumnado na aula permite unha mellor atención individualizada e uns resultados positivos en canto ao rendemento escolar. Unha proba desta situación viviuse ao longo da pandemia cos desdobres e o reforzo de profesorado que permitiron unha diminución de fracasos grazas a unha mellora no proceso de ensino-aprendizaxe.

A mellora na atención do alumnado non só ten consecuencias positivas para eles senón que supón un encadeamento de beneficios:

  • un menor rateo permite unha maior dedicación ao alumnado por parte do profesorado e unha detección máis precoz das dificultades;
  • un beneficio para o labor do departamento de orientación contando cunha atención especializada adecuada e produtiva, non só de media hora por semana que é totalmente insuficiente;
  • un menor estress para os docentes por dispoñer de máis tempo para acadar os obxectivos programados para o alumnado e tamén para a realización das tarefas burocráticas;
  • unha mellora na relación coas familias que veñen ós centros e implícanse na educación dos seus fillos e fillas e séntense atendidos correctamente.

UGT-SP Ensino é consciente de que a simple redución de rateos tense que acompañar por un incremento do profesorado, e isto levaría consigo un custe á Administración dificilmente asumible.

Dende UGT-SP Ensino traemos unha serie de propostas para que non supoña ningún aumento orzamentario. Pedimos que se abra unha negociación para tratar este tema, sabendo que noutras comunidades xa se iniciou un proceso similar.

No eido do ensino público

No ámbito do ensino público dende a UGT consideramos que estamos ante o momento idóneo para que a administración por fin acceda a abrir a unha das reivindicacións máis relevantes para toda a comunidade educativa.

Por unha banda, e como demostrou a pandemia, os desdobres e diminución de alumnado por aula permitiron superar momentos moi duros nos centros educativos.

Cremos dende UGT que a redución de rateos constitúe un factor determinante para un ensino máis individualizado, centrado nas necesidades de cada alumno, e para unha maior atención á diversidade, ámbito do que a Administración  e a normativa incide en numerosas ocasións pero sen chegar a tomar medidas que realmente marquen diferenzas.

Por otra banda, e ante o crecente descenso de natalidade e o consecuente descenso de matriculación de alumnado, que xa teñen incidencia nos primeiros cursos de educación infantil, traducíndose en supresións de postos de traballo de docentes, non pode servir de excusa á Administración para recortar  e diminuir a inversión en recursos humanos e económicos no eido do ensino.

Pedimos dende a UGT que a Administración aproveite esta ocasión para negociar unha redución de rateos que establezan un máximo de 18 alumn@s por aula nas etapas de educación infantil e primaria, e de 25 alumn@s na tapa de ensino secundario, o que permitiría mellorar a calidade do ensino nos centros en Galicia e a estabilidade dun gran número de docentes afectados polas devanditas supresións, que irán afectando progresivamente os distintos niveis de ensino.

Ensino concertado

O decaemento demográfico é un problema transversal a todo o sistema educativo como o é tamén a toda a sociedade, podendo ser un anticipo dun deterioro importantísimo do estado de benestar que se verá reflectido nuna ou dúas xeracións non máis tardar.

O problema está diante de nós, para todo o sistema educativo. Na concertada perdéronse en Galicia o ano pasado 12 unidades de 4º de infantil, neste ano e nos vindeiros serán moitos máis. Isto ameaza coa perda de liñas ou de colexios enteiros en centros dunha soa liña. As consecuencias son obvias, aulas baleiras, profesores para a rúa, inestabilidade do sistema e empobrecemento da calidade educativa.

Esta Administración non está pensando no ensino, nin no público nin no concertado. Esta Administración non está pensando nos miles de postos escolares nin tampouco nos miles de postos de traballo (máis de tres mil) que tamén se perderán a medio prazo. Esta Administración non pensa en mellorar a calidade do ensino. Esta Administración só pensa en aforrar.

Estamos a tempo de reverter o proceso, sen gastar máis, sen incrementar os orzamentos. Diminuíndo o rateo de forma progresiva desde 4º de Infantil salvamos en grande parte os problemas enunciados pero sobre todo poñendo o sistema educativo en condicións de evolucionar cara estándares de calidade compatibles cos países máis avanzados e facendo un futuro prometedor para os nosos nenos e nenas.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.