Sectores

UGT dá un paso máis na Prevención de Riscos e denuncia á Xunta de Galicia e á empresa Cualtis ante a inspección de traballo por incumprimento das súas obrigacións en materia de saúde e seguridade laboral

INFORMA 602020

UGT-Xustiza denunciou ante a Inspección de Traballo que, no ámbito da Administración de Xustiza, a empresa CUALTIS S.L.U. non avalía os postos de traballo do persoal especialmente sensible, e nos seus informes obvia calquera mención a se as medidas de prevención, adaptación e protección son as axeitadas en cada caso.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia e CUALTIS S.L.U. veñen dando por cumpridas as medidas adoptadas nos centros de traballo en cumprimento do Real Decreto Lei 21/202, sen tan sequera comprobar se é certo que ditas medidas adoptáronse de maneira efectiva e se as mesmas adecúanse ás circunstancias específicas do posto de traballo.

Os informes de CUALTIS, S.L.U. realízanse sen ter en conta a natureza e contido das funcións que desempeña o persoal ao servizo da Administración de Xustiza, e tampouco CUALTIS, S.L.U. se puxo en contacto cos seus superiores funcionais para saber as tarefas que realizan.

UGT solicitou no seu día á Dirección Xeral de Xustiza novas avaliacións en base á evolución da situación epidemiolóxica, para que se analizasen aqueles postos de traballo que teñen un maior risco de exposición ao contaxio debido ás súas características, algo que non se fixo.

Nese mesmo escrito informamos o Director Xeral que UGT ía presentar denuncia contra a Xunta de Galicia e a Empresa CUALTIS, S.L.U., requisito previo para poder denunciar ante a Inspección de Traballo.

A denuncia ante Inspección está xustificada en que os informes emitidos por CUALTIS S.L.U. non cumpren coas prescricións legais, pois se realizan en base soamente á información médica achegada sen solicitar documentación algunha en relación ás condicións ou circunstancias dos postos de traballo afectados.

Ademais, UGT entende que a empresa CUALTIS, S.L.U., co beneplácito da Dirección Xeral de Xustiza, está a incumprir algunhas das obrigacións establecidas no prego de prescricións técnicas, como a de realizar un estudo epidemiolóxico da poboación laboral, algo que a Dirección Xeral de Xustiza coñece e está a permitir sen facer absolutamente nada.

O mencionado prego de prescricións técnicas establece que “A vixilancia da saúde abarca tamén o estudo epidemiolóxico da poboación laboral da empresa” (…) e que “A seguridade no traballo encargarase da identificación, avaliación e control dos factores de risco existentes nos centros de traballo que poidan ocasionar accidentes, enfermidades, alterar a saúde e o benestar e crear algún malestar significativo entre os traballadores”. Tamén se estipula que o servizo de prevención alleo realizará, nos diferentes centros de traballo, como accións específicas, entre outras as seguintes actuacións: “Valoración da exposición a axentes químicos e/ou biolóxicos” e “vacinación anual”.

As actuacións descritas nunca foron realizadas na Administración de Xustiza de Galicia, o que levou a UGT a denunciar o incumprimento en materia de prevención de riscos ante a Inspección de Traballo.

Neste senso, tamén mantivemos unha reunión co Grupo PSdeG co obxecto de que pida as correspondentes explicacións no Parlamento de Galicia.

602020.pdf

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.