O Sector de Ensino de UGT Servizos Públicos esixe que, tras a publicación no BOE do Real Decreto 800/2022 polo que se regula a integración ao Subgrupo A1 dos profesores técnicos de Formación Profesional (PTFP) no Corpo de Profesores de Ensino Secundario, para aqueles docentes que reúnen os requisitos de titulación universitaria, as CCAA e o Ministerio de Educación e FP publiquen as convocatorias para facelo efectivo de maneira inmediata.
Os efectos da integración do profesorado técnico de FP que reúne os requisitos serán con carácter retroactivo desde xaneiro de 2021. Desde UGT reclamamos que o profesorado interino das especialidades que se integran ao Corpo de Secundaria tamén poida ser nomeado dentro do grupo A1, xa que cumpren cos requisitos de titulación para impartir as devanditas especialidades. Así mesmo, esiximos a todas as Administracións educativas que inicien o proceso de negociación cos sindicatos para a equiparación salarial do resto do PTFP, incluído o novo Corpo de Profesores Especialistas en Sectores Singulares da FP. Valorando que o Real Decreto atende unha reivindicación antiga do noso sindicato e do colectivo afectado, UGT xa presentou no seu día tanto na Mesa de Negociación do Persoal docente non universitario do Ministerio de Educación, como no Consello Escolar do Estado, reivindicacións que non foron atendidas e que deben ser abordadas de maneira urxente:
• Un acordo entre o Ministerio de Educación e FP e o de Universidades para establecer mecanismos de convalidación de créditos por experiencia laboral e docente que permitan que todo o PTFP poida integrarse no Subgrupo A1.
• Dar unha solución ao Profesorado Técnico que con ampla experiencia docente e cuxas especialidades pasaron ao Corpo de Ensino Secundario poidan seguir prestando servizos como funcionarios interinos e concorrer aos procesos selectivos derivados das ofertas de emprego público.
A xuízo de UGT, o desenvolvemento normativo da Lei de FP que aínda queda por abordar permite negociar todas estas cuestións pendentes. Este real decreto que se publica hoxe é un paso importante que debe permitir a incorporación ao Subgrupo A1 dos Corpos docentes (Mestres, Mestres de Taller de Artes Plásticas…).Cuestión que necesariamente debe ser abordada no futuro estatuto da función docente.