UGT solicitou á Dirección Xeral da Función Pública información sobre:
- Si algunha das entidades do sector público autonómico procedeu xa á identificación e comunicación do seu persoal de investigación.
- A apertura da negociación do proceso extraordinario de estabilización dos supostos regulados na disposición adicional quinta.
- A concreción do inicio da negociación do Convenio Colectivo Marco de aplicación ás entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia, no que debe incluírse o complemento de desempeño, como un dos factores económicos a ter en consideración.
O pasado día 25 de xaneiro publicouse en DOG o Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. O Decreto crea o Rexistro de persoal de investigación do sector público autonómico, como o instrumento de ordenación para a identificación e recoñecemento das persoas profesionais da investigación ao servizo da Administración xeral e das entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
A identificación dos postos con funcións correspondentes a persoal de investigación, correspóndelle ao centro a que estean adscrito o dito persoal. Determina o Decreto o prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor do mesmo. Cada centro ten a obriga de comunicaralle á consellería competente en materia de función pública os postos identificados para tramitar a correspondente modificación destes na RPT ou cadros de persoal dos departamentos correspondentes, logo de negociación coas organizacións sindicais. Requirimos saber os pasos que deron neste sentido.
Así mesmo o Decreto determina o proceso extraordinario de estabilización de persoal das fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, concretando que as fundacións de investigación sanitaria que non realizasen o proceso extraordinario de estabilización do persoal da Lei 20/2021, convocarano e resolverano antes do 31 de decembro do ano 2024. Requirimos saber os pasos que deron neste sentido.
Ao longo da negociación da norma reguladora citada a Dirección Xeral da Función Pública, e a petición expresa de UGT, asumiu o compromiso de iniciar unha negociación co fin de acadar un Convenio Marco que unificase as condicións de traballo e salariais das distintas entidades de carácter investigador e a súa aplicación a aquelas que carecen na actualidade de norma convencional aplicable. Requirimos saber os pasos que deron neste sentido