Sectores

En serio risco as vacacións de verán do persoal de enfermería


UGT-SERVIZOS PÚBLICOS DENUNCIA QUE A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL PON EN SERIO RISCO AS VACACIÓNS DE VERÁN DO PERSOAL DE ENFERMERÍA POLAS EIVAS NA XESTIÓN DAS LISTAS DE SUBSTITUCIÓN

 

A falta de persoal para as substitucións de enfermeiras e auxiliares volve a ser obxecto de tensión nos centros da Consellería de Política Social polo modelo de xestión e o déficit de persoas nas listas de contratación temporal da Xunta de Galicia, cuestión que pon en serio risco as vacacións estivais do persoal.

 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022. UGT leva anos denunciando unha situación que é recorrente e sobre a que urxe á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social a que realice unha proposta uniforme para todas as Xefaturas Territoriais e evitar inxustas denegacións de solicitudes de vacacións en período de verán tan merecidas e necesarias para persoal.

 

Ano tras ano, asistimos ás denegacións de vacacións ou a adopción de diferentes e non reguladas medidas, como elaboración de listas paralelas ás do Decreto 37 ou listas por centro de traballo colocadas na porta, nun sálvese quen poida, todas elas exemplos que demostran que é unha problemática reiterada, sobre a que UGT leva anos denunciando e reclamando solucións.

 

A busca de solucións non é recortar dereitos, é adoptar medidas acordadas e consensuadas, entre as que UGT propón tres que serían útiles e eficaces e requiridas polo persoal que integra as listas: a posibilidade de modificar os ámbitos que actualmente son provinciais por outros máis delimitados coma noutras categorías; a retirada temporal das penalizacións; e xestionar e ofertar bloques de varios meses de substitución máis longos ás persoas candidatas de listas, porque de non ser así, un ano máis as substitucións son máis atractivas en SERGAS e noutras comunidades autónomas e, como consecuencia, se prexudica ao persoal dos nosos centros e residencias.

 

É intolerable que un ano máis o persoal tema a denegación de vacacións por falta de persoas substitutas e que a Consellería continúe sen facer nada para adoptar solucións consensuadas que rematen con esta situación.

 

Nota de Prensa

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.