Sectores

Reunión da Comisión de Seguimento Acordo de Gardacostas


SEGUIMENTO DO RÉXIME DE PRESTACIÓN DE SERVIZOS E HORARIOS DO PERSOAL DE GARDACOSTAS:

Logo de trasladar que a Comisión leva desde o ano 2019 sen recibir as previsións das carteleiras semestrais, tal e como así se viña facendo, ínstase por parte das OOSS presentes na reunión a que se dea traslado das previsións con carácter previo á súa publicación nas distintas Unidades Operativas por si procedera algunha alegación ao respecto das mesmas.

De igual forma a Consellería queda en redactar un documento que regule os motivos polos que pode haber adaptación ou cambio nas carteleiras, tal e como se reflicte no artigo 7 da Orde do 2 de maio de 2006.

SITUACIÓN DO SERVIZO DE GARDACOSTAS TRAS A MODIFICACIÓN DA RPT DA CONSELLERÍA DO MAR

A Consellería expón que tras a recente modificación da RPT, na que crearon os postos de patrón, mecánico e vixilante-mariñeiro, nas Unidades Operativas de Ferrol e Portosín, a Consellería procedeu á súa oferta mediante comisións de servizo. Como consecuencia desa oferta está prevista a cobertura dos postos que queden sen cubrir por medio de persoal interino.

UGT considerou na negociación da RPT que a creación de postos era insuficiente e que deberían haberse creado máis prazas a fin de facer efectiva a operatividade das bases nas tres quendas que deben cubrirse. En todo caso consideramos imprescindible que se proceda a cobertura mediante persoal interino alí onde sexa necesario para garantir a prestación do servizo.

A SEGUNDA ACTIVIDADE:

A Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, no artigo 9 regula a segunda actividade concibíndoa como unha situación administrativa especial na que poderá encontrarse o persoal funcionario do Servizo de Gardacostas de Galicia que, pola súa idade, non se atope capacitado para o desenvolvemento das tarefas características do servizo, podendo, polo contrario, prestar outro tipo de servizos á consellería competente en materia de Pesca. O artigo 10 da mesma Lei determina que o para o pase a segunda actividade o único requisito será o de ter cumpridos os 58 anos para a escala técnica e os 55 para a executiva e a de axentes. A provisión dos postos da segunda actividade, que a mesma Lei prevé, no artigo 11, concreta que adscrición farase tras concurso de méritos, debendo ter a consideración de mérito preferente o de ocupar praza na mesma localidade. A previsión que realiza o artigo 11 ao respecto de reservar unha porcentaxe determinada de prazas para a segunda actividade foi concretada dotando á RPT de 4 prazas, que levan sen cubrirse desde a súa creación, considerando a Consellería que debe promoverse o concurso sobre as 4 prazas dispoñibles.

UGT está de acordo co desenvolvemento do concurso, posto que entendemos que son 7 anos perdidos de dotar de eficacia á segunda actividade, polo tanto debe abrirse o máis pronto posible. Sobre a súa posta en marcha consideramos que debe buscarse a fórmula máis áxil de implementación, entendendo que pode ser a propia Consellería a que convoque, como se fai na Consellería do Medio Rural no seu acordo de segunda actividade.  

Neste punto parece interesante recordar o que trasladaba a en reunión da Comisión de seguimento a Consellería o día 9 de marzo de 2017:

Que é a intención da Consellería a de dar inicio ao procedemento para a segunda actividade en Gardacostas. Sinalando que a normativa establece o requisito da idade (55 e 58 anos) e a preferencia para aqueles que concursen dentro da mesma localidade. Diante da limitación de requisitos e méritos, están abertos ás propostas das OO.SS. e, considerando que dotar ás prazas nunha localidade concreta beneficiaría a traballadores da mesma localidade, propón que se oferten 7 postos sen definir as prazas e se reconvertan en prazas de segunda actividade aquelas das que son titulares os 7 aspirantes que acaden maior puntuación.

No relativo aos méritos computables, serán obxecto de valoración coas OO.SS., se ben posibilítase considerar a antigüidade, idade, necesidades de conciliación familiar ou enfermidade grave que impida o embarque.

En canto ás funcións a realizar como segunda actividade, proponse un criterio negativo (relacionar aquelas funcións propias que non serán realizadas por quen acceda a ditas prazas) en vez de definir funcións concretas a desempeñar polos traballadores en segunda actividade.

Entre a próxima semana e a seguinte remitirase ás OO.SS. proposta escrita do exposto

O escrito nunca chegou…

UGT e mediante escrito remitido á Consellería, en outubro de 2018, formulábamos a seguinte proposta:

1.Crear prazas de segunda actividade dentro do Servizo de Gardacostas que se dediquen a labores administrativas nas distintas oficinas das Unidades Operativas, extensibles aos traballos que xeren os distintos almacéns e con dispoñibilidade horaria, tendo o dereito a percibir a totalidade das retribucións básicas e complementarias que viñan  percibindo antes do pase a esta situación, tal e como determina o artigo 9.3 da Lei 2/2004.

2.As prazas deben ser de nova creación e non amortizar prazas do servizo, como se viña facendo ata o daquela.

3.Consideramos que a adscrición débese ter en conta no concurso de méritos, e por esta orde:

  • Antigüidade.
  • Non atoparse capacitado para o desenvolvemento das tarefas características do servizo.
  • Ocupar praza na mesma localidade.

4.Tal e como argumentamos, en todos os destinos do persoal de Gardacostas (Celeiro, Coruña, Muxía, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo) poderíanse crear prazas de segunda actividade para tarefas administrativas, respectando deste xeito a praza na mesma localidade, posto que non existe na actual configuración da RPT prazas de persoal con contido administrativo.

UGT e en consideración ao debate aberto na Comisión, ademais do xa proposto en anos anteriores, engadimos que a Orde do 27 de maio de 2005 pola que se establece a oferta formativa da Escola Galega de Gardacostas, regula no seu artigo 1 que: A organización, desenvolvemento, control e financiamento dos cursos e actividades formativas levadas a cabo na Escola Galega de Gardacostas correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Para no artigo 2 concretar que: “Os destinatarios da formación ofertada na Escola Galega de Gardacostas serán todos os membros integrantes do Servizo de Gardacostas de Galicia…”.

A modo de conclusión:

  • – Todos os axentes do Servizo de Gardacostas estean operativos ou na segunda actividade élles de aplicación a Orde do 2 de maio de 2006.
  • – O ideal e ao que debe camiñar a Consellería é que en cada Unidade Operativa, incluíndo na Subdirección Xeral de Gardacostas houbese prazas dispoñibles de segunda actividade para desenvolver actividade administrativa, cubertas por persoal de Gardacostas que por idade ou por cuestións físicas ou de enfermidade non puidesen desenvolver traballos con dificultade para a súa situación.

Poñer en funcionamento a Escola Galega de Gardacostas e dotala de persoal so Servizo que polos motivos anteriores pasen á segunda actividade, aproveitando a súa profesionalidade e experiencia dos axentes e así formar aos axentes novos que entran e reciclar aos que están operativos no servizo, xa que a lexislación sofre cambios continuos (autonómica, estatal e da UE) aplicables ás activades de Gardacostas, ademais de iniciar as áreas formativas que contempla a Orde do 27 de maio de 2005, no seu artigo 3, formación: Formación náutico e marítimo-pesqueira, en seguridade marítima, en coñecemento do medio e bioloxía pesqueira, en seguridade alimentaria, inspeccións e organizacións de controis oficiais dos produtos de orixe mariña destinados ao consumo humano, en loita contra contaminación mariña e en mergullo profesional.

INFORMA-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.