🗣️ UGT Ensino esixe á Consellería de Educación medidas urxentes ante a situación insostible no CIFP Manuel Antonio de Vigo
UGT SP Ensino denuncia a grave situación que está a vivir o CIFP Manuel Antonio de Vigo como consecuencia das obras de mellora que se están a executar no centro e que, desde o inicio do curso 2025/2026, están a afectar de maneira directa á saúde, á seguridade e ao normal funcionamento da actividade educativa.
Desde setembro, o alumnado, o profesorado e o persoal non docente están expostos a condicións incompatibles cun espazo educativo seguro, entre elas:
• Ruídos constantes e de elevada intensidade.
• Pó en suspensión en múltiples zonas do centro.
• Pingueiras e humidades persistentes.
• Presenza de mofos e fungos nas paredes dalgunhas aulas.
• Falta de información oficial sobre os riscos derivados das obras.






❗ Exixencias de UGT SP Ensino á Consellería de Educación
Ante esta situación, UGT SP Ensino reclama á Consellería:
🔹 1. Medicións oficiais e verificables dos axentes contaminantes
De acordo co Real Decreto 374/2001, garantindo a avaliación da calidade do aire e dos riscos químicos.
🔹 2. Medicións de ruído en todas as estancias afectadas
Segundo a Directiva 2003/10/CE, para determinar o grao de exposición do persoal e do alumnado.
🔹 3. Información clara sobre a posible presenza de amianto
E, de existir, aplicación inmediata das medidas preventivas e protocolos de retirada.
🔹 4. Garantías de que as aulas e espazos educativos son seguros
Incluíndo actuacións urxentes para eliminar humidades, fungos e calquera risco para a saúde.
📢 UGT SP Ensino considera inaceptable que un centro educativo público funcione nestas condicións
A Consellería de Educación ten a obriga legal e ética de garantir espazos seguros e saudables. A falta de información, a ausencia de avaliacións ambientais e a demora en atender as demandas do profesorado e das organizacións sindicais constitúen unha grave irresponsabilidade.
UGT SP Ensino anuncia que continuará impulsando todas as accións necesarias para protexer a saúde da comunidade educativa e para esixir transparencia e rigor na xestión das obras do CIFP Manuel Antonio.