UGT ven de expoñerlle, na reunión mantida coa Secretaría Xeral Técnica, o pasado día 19 de xullo, as seguintes consideracións sobre o Servizo de Menores, no ámbito da súa responsabilidade orgánica, a fin de que se tomen en consideración e se proceda á corrección daquelas que inciden no incorrecto funcionamento, á maior brevidade posible, polo ben do Servizo e das persoas usuarias do mesmo:
En marzo de 2019, a través da súa representante no Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Política Social, UGT puxo en coñecemento do citado Comité a situación de gravidade e altísimo risco no que se atopaba a prestación do Servizo de Menores, nas catro Xefaturas Territoriais, que pasaba e pasa tanto polas condicións físicas das dependencias nas que se presta servizo, que presentan graves déficits e non adecuamento para o correcto desenvolvemento da súa labor profesional, como polos riscos psicosociais aos que están expostos, derivados da sobrecarga de traballo, inadecuada organización funcional, etc. O anterior agravado, se cabe, no caso do persoal técnico, pola alta responsabilidade na súa toma de decisións, tipoloxía e complexidade das intervencións, falta de medios e apoios, sendo equipos que requiren e precisan dunha alta cualificación e profesionalización.
A situación de «invisibilidade» na que se atopan é produto de anos de abandono institucional destes Servizos, nun declive progresivo desde poucos anos despois da asunción de competencias nesta delicada materia, o que os coloca nunha posición de «marxinalidade» administrativa. Un Servizo cunha «vulnerabilidade» obvia por as características da poboación a atender e da súa labor profesional, que se atopa nunha situación extrema, case que agónica.
Si ante a exposición a un risco evidente de accidente por caída, por exemplo, existe conciencia preventiva e pouca aceptación á súa presencia, non ocorre igual cos riscos psicosociais, onde a exposición aos mesmos pode producir danos á saúde igualmente severos, mais non existe a suficiente sensibilidade e si certa tolerancia por parte da maioría dos actores implicados, pois tende a percibirse como algo implícito ao posto calquera carga psíquica ou risco psicosocial, de xeito que si un traballador presenta unha diminución na súa saúde psicofísica, interpretase en termos de vulnerabilidade individual, non derivadas das condicións do seu entorno laboral.
O dereito á protección da saúde que todo traballador ten en canto pertence a unha organización, implica non estar sometido ás distintas causas de exposición que son orixe de calquera diminución de saúde, e a empresa ten a obriga de facelo cumprir.
Os espazos abertos tipo «coworking» imperantes nesta Administración Autonómica (que levan consigo un obxectivo de control) non son aptos para todo tipo de Servizos, e sen embargo é o modelo no que deben traballar os 4 Servizos Provinciais: non hai despachos para que os técnicos poidan efectuar as súas xestións con discreción, confidencialidade e nun ambiente relaxado que favoreza a concentración; nin espazos independentes, suficientes, para as entrevistas que dispoñan das mesmas características.
Pola contra do lóxico, trátase de espazos diáfanos (separados si acaso por armarios a media altura) onde poden traballar entre 30-50 persoas, da mesma ou diferentes Seccións, con funcións e tarefas totalmente dispares, que levan consigo xestións de reunións, telefónicas, elaboración de informes, cunha información moi delicada, que esixe altísima confidencialidade, e onde a protección de datos é descoñecida.
Os profesionais dos Servizos, precisan unha alta cualificación e formación moi específica, e a Administración debera velar e garantir que os profesionais asignados a estes Servizos dispoñan da mesma, pero a alta rotación de efectivos non a garante. A realidade é que se está convertendo nun Servizo “de paso” cara a outros destinos mellor valorados aos que se aspira co fin de saír da situación de estrés e “queime” persoal.
As esixencias psicolóxicas, o control sobre o contido do traballo, o apoio social no traballo e as recompensas ou compensacións do traballo, son os 4 eixes básicos que explican o efecto dos riscos psicosociais sobre a saúde. Unha empresa é mais competitiva e eficaz si os seus compoñentes teñen máis saúde e calidade de vida no traballo posto que de non ser así, repercute negativamente sobre a organización (máis incidentes, accidentes, absentismo, rotación,…); tampouco hai que desprezar as consecuencias que se derivan para a sociedade.
Trátase dun Servizo que traballa cun material moi sensible, e por tanto debe ser tratado en consonancia: co respecto, recoñecemento, condicións, medios, e recursos que precisa e merece. A Administración, agora mesmo, por non estar atento, non ser proactivo no seu momento e procurar a prevención cando era preciso, mais a intervención é inaprazable. Ten un Servizo ferido de morte.
Ante esta exposición, UGT requiriu da Secretaria Xeral Técnica que se atendan as demandas de:
- Adecuación das dependencias a necesaria e obrigada confidencialidade, intimidade e protección que precisan, tanto as persoas traballadoras como as usuarias. UGT require unha ubicación en edificios que reúnan as condicións precisas que garantan o traballo co respecto debido ás persoas.
- Completar e ampliar o número de efectivos, con equilibrio dos diferentes perfís profesionais, nas Xefaturas Territoriais adecuando o mesmo a unha ratio de atención por equipo que entre dentro dos límites que permitan unha axilidade de tramitación e tratamento de asuntos que dea satisfacción ás persoas usuarias.
- A posta en marcha do compromiso adquirido coa aprobación da RPT da funcionarización ao respecto da revisión de complementos ao persoal do Servizo de Menores.
Ante o exposto a Secretaria Xeral Técnica, responde:
- Que se dan por informados ao respecto das demandas de UGT.
- Que están pendentes da evacuación do informe de riscos psicosociais da Provincia de Pontevedra, e que posiblemente será indicativo das accións a tomar para comezar a solucionar os problemas detectados. Igualmente se actuará no resto das Xefaturas, co que corresponda.
- Sobre a ampliación dos equipos, sendo esta unha das medidas que ten asumidas como inicio á solución dos problemas, está trasladado á Consellería de Facenda e Administración Pública co fin de que se autorice a creación de postos que permita a adecuación a ratios de traballo máis rebaixadas.
- Sobre a negociación de complementos, remítese tamén ao posicionamento de Función Pública e Orzamentos, que deben autorizar a súa negociación.