O pasado venres tivo lugar unha nova reunión entre os representantes do Consello de Contas de Galicia (Secretaria xeral e o Xefe de servizo de Persoal) e as OOSS (UGT e CCOO), para analizar, tras as alegacións presentadas ás tres propostas remitidas pola Institución, os acordos adoptados polo Pleno da Entidade, na súa reunión celebrada o pasado 17 de agosto de 2021.
As alegacións presentadas por UGT e aceptadas polo Pleno do CdC foron as seguintes:
Bases Convocatoria concursos específicos:
- A inclusión na valoración dos cursos sobre prevención de RRLL.
- A valoración unicamente do curso de maior duración con temática común, agás que sexan de continuación ou especialización dos iniciais.
- A incorporación na valoración dos méritos, das medidas de conciliación da vida laboral e familiar e de igualdade de xénero.
- A valoración dos postos obtidos polo procedemento de concurso específico.De acordo ao establecido no artigo 91.7 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, os postos de traballo obtidos polo procedemento de concurso específico serán obxecto dunha valoración cada cinco anos, nos termos que se establezan regulamentariamente, para os efectos da determinación da continuidade ou remoción da persoa titular do posto nos termos previstos polo artigo 94, sen prexuízo do sistema xeral de avaliación do desempeño aplicable a todos os empregados públicos.
Polo que, votamos favorablemente a proposta remitida polo Pleno do CdC.
Modificación do artigo 24.b) do Convenio Colectivo do CdC, ao respecto da ampliación do complemento de carreira ao persoal laboral fixo da entidade:
Aclarado que na Institución non existe persoal con vínculo temporal.
UGT solicitou:
- A redución do prazo máximo para a estimación/desestimación das solicitudes, rebaixándoo a un mes. A este respecto indicóusenos que a modificación do Convenio Colectivo permitirá a tramitación de oficio por parte da entidade, sen ter que realizarse solicitude algunha por parte do persoal.
- Aclaracións ao respecto da aplicación con carácter retroactivo, en iguais condicións que o persoal funcionario e funcionario interino que xa o percibe, do complemento de carreira. Indicóusenos que o persoal cobrará a totalidade das anualidades 2020 e 2021 neste último trimestre do ano ou a máis tardar no primeiro de 2022, regularizando o pago mensual do complemento de carreira dende xaneiro do vindeiro ano.
Polo que, votamos favorablemente a proposta remitida polo Pleno do CdC.
Regulamento de teletraballo do persoal do Consello de Contas de Galicia:
UGT solicitou:
- Que con carácter xeral, a xornada da persoa que teletraballa distribuirase de forma que este preste servizos polo menos dous días da semana de forma presencial (3 días/semanais máximo en réxime de teletraballo). Indicoúsenos que aínda que inicialmente só se autorizarán un máximo de dous días semanais, realizarase en función dos resultados obtidos, unha revisión despois dos dous primeiros anos de funcionamento deste réxime para a súa posible apertura aos tres días/semana demandados.
- Que sempre que sexa posible, poderá esixirse a presenza da persoa que teletraballa no centro de traballo durante xornadas cunha antelación mínima de (48)horas, cando esta sexa necesaria por razóns do servizo, debendo deixarse constancia de tales circunstancias no plan individual de teletraballo.
- Que a autorización inicial do teletraballo terá unha duración máxima DE DOUS ANOS, sen prexuízo das posibilidades de prórroga ANUAL, suspensión, perdida de efectos ou renuncia.
Polo que, aínda que entendemos que o máis razoable sería que o persoal puidera desfrutar, de ser o caso, dun máximo de tres días/semana en réxime de teletraballo, valoramos positivamente que se acepte unha revisión desta situación en función da eficacia deste réxime despois do remate dos períodos concedidos, polo que votamos favorablemente a proposta remitida polo Pleno do CdC.