A Unidade de Acción do colectivo de Bombeiras e Bombeiros Forestais continúa traballando para que o Estatuto Básico se converta dunha vez por todas nunha realidade para o colectivo, e se atopen amparados nunha Lei Marco.
A Unidade de Acción do colectivo de Bombeiras e Bombeiros Forestais, composta por CC.OO., CSIF e UGT, nada máis iniciada a lexislatura actual solicitamos unha reunión coa Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para acordar un calendario de actuacións e poñer en tramitación o Estatuto Básico de Bombeiros/as Forestais coa maior celeridade posible despois de que decaese pola convocatoria anticipada de eleccións xerais. No día de hoxe mantivemos unha reunión na Secretaría de Estado de Medio Ambiente coa Directora Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización e o Xefe do Gabinete do Secretario de Estado onde trasladamos a preocupación do colectivo, ante a necesidade de retomar a tramitación da citada lei de maneira inmediata para contar cunha regulación básica da profesión do bombeiro/a forestal máis que necesaria, tanto pola incidencia dos incendios forestais a gran escala, como por outras emerxencias de protección civil como inundacións, nevadas etc.
Desde a Secretaría de Estado transmítennos que puxeron en marcha a norma para que, o Grupo Parlamentario Socialista presente unha Proposición de Lei, tomando como punto de partida o mesmo texto que foi aprobado polo Goberno o pasado ano en Consello de Ministros e Ministras e que se atopaba en avanzado trámite parlamentario. Así mesmo, indícannos que por parte do Ministerio está a darse prioridade absoluta á mesma.
Por parte dos sindicatos CSIF, CC.OO. e UGT, trasladámoslles que levamos traballando dúas lexislaturas, que non é a primeira vez que un texto normativo decae en “saco roto”, e que seguiremos traballando para que os bombeiros e bombeiras forestais teñamos un Estatuto Básico que regule a profesión a efectos de homoxeneizar ao persoal e, con iso lograr unha mellora nas condicións dos dispositivos de loita contra incendios forestais. Tras esta reunión, xa empezamos a contactar cos distintos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e acordamos unha comunicación bidireccional co MITECO sobre os avances da tramitación da mencionada norma.