UGT solicitou hoxe reunión urxente coa Dirección Xeral de Defensa do Monte para tratar a seguinte cuestión:
A vaga de lumes que asola a Comunidade Autónoma dende o inicio desta campaña de verán fai que o persoal de incendios, acollido ao V CCU da Xunta de Galicia, estea a prestar servizos de forma non só regrada senón que tamén de xeito voluntario, en moitos casos como consecuencia da voracidade dos lumes.
En todo caso creemos conveniente poñer de manifesto que os excesos de xornada, aínda que de xeito voluntario, cando así se producen, deben ter a compensación debida e regulada pola norma convencional. A estes efectos e a modo de recordatorio, indicamos que o V Convenio Colectivo, regula no Anexo de condicións especiais de traballo do persoal do SPIF o seguinte:
Ao respecto da xornada de traballo, horario e descansos, no seu apartado terceiro que:
2.- A xornada máxima de traballo será de 12 horas no caso de incendio, que comezará e rematará a contar a partir do lugar de reunión ou centro de control establecido. No caso do peón condutor, a xornada máxima é de 11 horas para permitir un descanso previo antes do retorno. En todo caso, para esta categoría, dispoñerase dun descanso adicional dunha hora no suposto de xornada de extinción e de media hora en xornada normal.
8.- A cada persoa do SPDCIF garánteselle un descanso semanal de 2 días naturais ininterrompidos.
Na época de perigo alto de incendios, garantirase o descanso da metade dos festivos e un domingo ao mes como mínimo. A metade dos festivos e os domingos traballados serán compensados en días de descanso segundo se determine nos cuadrantes anuais de traballo.
A compensación será efectuada conforme o previsto no Convenio Colectivo Único.
9.- O persoal do SPDCIF gozará dun descanso mínimo entre o remate dunha xornada e o comezo da seguinte de 12 horas ininterrompidas segundo regula o artigo 34.3 do Estatuto dos Traballadores.
10.- Aquelas brigadas que pernocten fóra do seu distrito terán unha compensación dun día de descanso adicional por cada pernocta, a efectivizar segundo as necesidades do servizo, a petición do traballador. No caso de desprazamentos que impliquen a perda de días de descanso reflectidos no cuadrante, estes serán gozados a solicitude do traballador.
Ao respecto da prolongación da xornada de traballo, o punto 3.5, determina que:
1.- As horas de prolongación de quendas por necesidades de extinción de incendios non excederán das 4 horas diarias e das 80 anuais e serán compensadas con días libres, de acordo co previsto no Convenio Único.
Con previo aviso de 48 horas de antelación, poderán concederse días libres con anterioridade ao exceso de horas traballadas, debendo equilibrarse en cómputo anual.
2.- No caso de prolongación da xornada, o SPDCIF garantirá o subministro da comida aos traballadores e traballadoras afectados, ou no seu defecto aboará a correspondente axuda de custo.
3.- Para as categorías do S.P.D.C.I.F., peón, peón condutor, vixilante móbil, condutor/a de motobomba e xefe/a de brigada establécese unha garda localizable que será de 15 días en grupos de 5 días consecutivos de traballo como máximo cada mes, distribuídos ao longo dun período de tres meses coincidente coa época de inactividade dos traballadores/as fixos-discontinuos. En todo caso respectarase o criterio xeral das 12 horas como xornada máxima de traballo.
Atendendo a que o número de horas extraordinarias previstas é de 80 anuais, e que os efectivos de reforzo de campaña de verán están próximos a dito número de horas porcentuais que lles corresponden pola súa modalidade contractual.
Considerando que o persoal está a realizar xornadas ordinarias de entre 14 e 16 horas diarias.
Comprendendo a situación excepcional que se está a vivir este verán froito da extraordinaria situación climatolóxica, e outras cuestións organizativas tales como o feito de que o persoal debe pasar a prestar servizos, como dixo o Presidente, ao longo de todo o ano, consideramos necesario que se traten as compensacións reguladas no Convenio Colectivo, polo ben do persoal e a súa eficacia na prestación do servizo.