Sectores

Reunión das OOSS coa SXT de Emprego Comercio e Emigración

A convocatoria da reunión tivo lugar a petición da propia Secretaría Xeral co fin de coñecer aqueles asuntos que preocupan ás OOSS.

UGT expuxo as seguintes cuestións:

PETICIÓN DE MODIFICACIÓN DE RPTs:

  • RPT DA CONSELLERIA:

A Consellería está obrigada á negociación dunha nova RPT que substitúa á publicada en 2018 e anulada por sentenza. Ante esta situación e considerando que se trataba dunha primeira RPT que pretendía abordar a modificación da estrutura para as oficinas de emprego e retocar determinados servizos como o de formación, propoñendo modelos máis acordes coas necesidades, entendemos que o seu obxectivo non se cumpriu, e pasados seis anos e vista a experiencia é necesario afrontar modificacións, adaptando os niveis dos postos das oficinas de emprego co fin de facelos máis atractivos e que non sexan postos “de paso” para o persoal.

UGT considera que, si ben a RPT actual pretendeu acomodar a tipoloxía das oficinas ao volume de traballo e atención das mesmas, non o conseguiu e polo tanto debe analizarse, conxuntamente coas persoas traballadoras e as OOSS o modelo tipo a implementar.

Nas Direccións Territoriais hai carencia de postos, que abarca a todos os subgrupos e que debe ser analizada en función do volume de traballo, especialmente ao respecto do persoal técnico que realiza seguimento das accións formativas.

Debe fomentarse o teletraballo para aqueles postos que así llo permitan as súas tarefas.

Entendemos e apoiamos que en tanto non se resolva o concurso de traslados dos corpos xerais, actualmente en marcha, non procede a súa modificación, pero iso non impide ir comezando os traballos de análise necesarios.

  • RPT CONSUMO:

Sendo conscientes da problemática que existe sobre as escalas de Consumo (A2 e C1), UGT reclama a unificación nun único subgrupo A2, en atención a que entendemos carece de sentido a súa división nos dous subgrupos polas funcións que realizan. Cuestión que propoñeremos no seu momento a través da modificación que procede na LEPG. En todo caso reclamamos a negociación da RPT, sendo que consta que os seus traballos están moi avanzados.

RECLAMACIÓN DE MODERNIZACIÓN DAS OFICINAS DE EMPREGO:

UGT puxo en coñecemento da Consellería e do Servizo de Prevención a situación dalgunha oficina de emprego. Consideramos que procede un plan a longo prazo que modernice, actualice e acondicione aquelas oficinas que presentan deficiencias estruturais. Debe levarse a cabo un estudo de oficina tipo que atenda á cobertura das necesidades da cidadanía e dotadas de todos os medios precisos.

Solicitamos tamén que dentro das previsións de actuación se sitúe a de actualización dos equipos informáticos e aplicacións.

FORMACIÓN:

A formación ocupacional, como medida activa de emprego, perdeu toda a súa potencia en atención a que as accións formativas constituíronse en meros cursos repetitivos que ano tras ano se programan sen analizar a súa efectividade. As entidades formativas na súa maior parte como empresas que son buscan a obtención dun beneficio económico, non menor, deixando á marxe o parámetro realmente importante, a súa eficacia na consecución da empregabilidade dos alumnos e alumnas.

A tipoloxía da impartición aumentou de forma exponencial, sendo nalgún caso pouco entendible, referímonos á formación en virtual de accións de transporte sanitario, por exemplo. A teleformación e a formación en virtual non son as vías formativas máis adecuadas para a impartición da formación ocupacional, posto que se está a dar unha desvirtuación do sentido estrito da mesma.

UGT entende que os últimos anos apostouse máis polo mantemento dun sistema económico de mantemento de determinadas empresas formativas que pola eficacia do sistema que dote de competencia ás persoas demandantes de emprego.

Ao respecto do persoal que realiza o seguimento das accións formativas, lembrar que dende xullo de 2018, cando se publica o Acordo polo que se establecen as condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da formación profesional para o emprego, a Comisión de seguimento regulada na cláusula sétima, só se reuniu nunha ocasión (02/07/2019). Foron moitas as ocasións nas que se solicitou por escrito e verbalmente, tendo a calada por resposta.

UGT require unha vez máis a súa convocatoria co fin de analizar a problemática da homoxenización dos protocolos, así como todos os aspectos que estaban establecidos como revisables, e así foron asumidos polo persoal.

RESPOSTA DO SECRETARIO XERAL TÉCNICO:

  • Cobertura de postos:
    • Informa que van a facer un esforzo para proceder á cobertura da totalidade de vacantes.
  • Plan de infraestruturas:
    • Comunica que a pretensión da Consellería é levar a cabo un Plan a 2 ou 3 anos que permita licitar un número suficiente, entre oito e dez, proxectos de reforma das oficinas.
    • Oficina tipo: compromete un estudo de necesidades reais no que se fará partícipe tanto ás persoas traballadoras como ás OOSS:
  • Aplicacións informáticas:
    • Están traballando na mellora das mesmas, exemplo a IA recentemente presentada da que considera que terá un gran potencial sen minorar as necesidades de persoal.
  • Teletraballo:
    • Confirma que se facilitará naqueles postos cuxas tarefas o permitan.
  • Modificación da RPT da Consellería:
    • Anuncia a negociación que dependerá do remate do concurso de traslados.
  • Comisión de seguimento do Acordo de condicións de traballo do persoal de supervisión das accións formativas:
    • Anuncia que a súa pretensión é a de convocar na semana do 15, si o permite a axenda.
    • Considera que os 76 millóns de euros de orzamento de formación deben atender ás necesidades reais das empresas o que leva consigo unha reforma do sistema, para a que solicita tempo.
  • RPT de Consumo:
    • Manifesta a intención é retomala en canto o antes posible.
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.