UGT-SP reúnese co Ministerio para impulsar melloras docentes: avances en marcha, pero aínda insuficientes
O Ministerio de Educación e Formación Profesional convocou unha nova xuntanza coas organizacións sindicais para abordar as condicións laborais do profesorado.
UGT acudiu cunha postura firme: valorar os avances recollidos no anteproxecto de lei —como a redución das horas lectivas e das ratios— pero esixir unha negociación seria que permita consolidar unha auténtica “lexislatura do profesorado”.
Entre as medidas propostas polo Ministerio, destaca a fixación dun máximo de 23 horas lectivas en Primaria e 18 en Secundaria, Bacharelato e outras ensinanzas.
UGT considera que este plantexamento vai na boa dirección, pero insiste en que debe ser só o inicio dun proceso máis ambicioso.
O sindicato puxo enriba da mesa reivindicacións clave como:
• ✅ Aplicación efectiva da xornada laboral de 35 horas semanais
• ✅ Redución progresiva das horas lectivas: ata 15 en Secundaria/Bacharelato e 18 en Infantil/Primaria
• ✅ Diminuír as ratios para unha atención máis personalizada
• ✅ Simplificación das tarefas burocráticas mediante persoal administrativo
• ✅ Incorporación ao subgrupo A1 para todo o profesorado non universitario
• ✅ Mellora retributiva para recuperar poder adquisitivo e garantir pagas extraordinarias íntegras
En Galicia moitas desta medidas xa comezaron a materializarse grazas ao Acordo de Mellora asinado coa Xunta en outubro de 2023. A redución de ratios,redución do horario lectivo, as melloras salariais nos sexenios e o compromiso de simplificación administrativa son logros concretos que demostran que avanzar é posible.
Con todo, UGT-SP subliña que o Acordo de Mellora asinado en Galicia debe entenderse como un primeiro paso. Aínda que recolle avances importantes, o sindicato insiste en que queda moito por conquistar para garantir condicións laborais dignas e homoxéneas en todo o sistema educativo.
A mellora de ratios, a redución da carga lectiva, o recoñecemento profesional e a simplificación administrativa deben consolidarse e ampliarse, sen que a súa aplicación dependa de acordos puntuais nin da vontade política de cada territorio.
UGT continuará esixindo que estas reivindicacións se aborden con carácter estatal, como parte dunha estratexia firme para dignificar a profesión docente no seu conxunto.
UGT-SP reafirma a súa vontade de diálogo, pero tamén o seu compromiso cunha educación pública de calidade.

🔗ENLACE WEB UGT ENSINO (Nacional) con máis info sobre a REUNIÓN
🔗ENLACE WEB MINISTERIO -> info sobre a REUNIÓN
📞CONTACTOS Sedes UGT Ensino
https://t.ly/qS5sC