Sectores

Resumo da reunión coa Dirección da GAIN

No día de hoxe UGT mantivo unha xuntanza coa dirección da Axencia Galega de Innovación na que se trataron as seguintes cuestións:

Como é sabido o Decreto 12/2024 regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da CA de Galicia, o dito decreto outorga á GAIN un lugar preeminente en toda a negociación que ten que ver co desenvolvemento do mesmo.

A publicación do citado decreto o 25/01/2024, indicaba o prazo dun ano para:

  • A identificación dos postos do persoal con funcións de investigación
  • O inicio da negociación dun convenio marco que abarcase a todas as entidades con tarefas investigadoras na Xunta de Galicia
  • A convocatoria da oferta das prazas, que consonte á Lei 20/2021, poderían ser ámbito dos preceptos da dita norma.

As tres cuestións non se cumpriron e polo tanto ante a nosa insistencia en Mesa Xeral, e determinadas direccións xerais, sen obter resposta, acudimos a quen consideramos órgano administrativo vertebrador da implementación do Decreto 121/2024.

A resposta ante as cuestións formuladas, foi que están traballando nos temas, argumentando o seu retraso nos cambios producidos nos organismos, pero que en ningún caso se deixa de lado o comprometido, pospoñendo a información para un momento próximo no que podan dar resposta.

Insistimos no que á UGT lle parece importante:

  • Toma en consideración das prazas susceptibles de formar parte dunha OPE polo sistema de concurso, respecto daquelas prazas non ofertadas en Lei 20/2021 e que cumprían cos requisitos para participar na mesma, de todos os Entes Instrumentais con desenvolvemento de tarefas investigadoras, abarcando aqueles centros das consellerías do Medio Rural, Sanidade e Mar, que estimamos poden participar, condicionado ao que poda determinar a identificación de prazas derivada do mandato da disposición adicional primeira do Decreto 12/2024.
  • Participación na negociación do convenio marco do persoal traballador das entidades que realizan labores de investigación na Xunta de Galicia.
  • Proceso de estabilización
    • Trala publicación en 31 decembro de 2024 da resolución da relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, a súa orde de prelación e a proposta de nomeamento, dende a dirección de GAIN informan que, hai 3 casos (dous no grupo I e un no grupo II) que fan que o proceso de estabilización propio dependa de que se resolvan os procesos da Administración xeral da Xunta dos subgrupos A1 e A2, todo elo co fin de evitar os posibles efectos negativos para as persoas traballadoras da GAIN que están na listaxe de agarda e que todos as persoas traballadoras tomen posesión cos mesmos dereitos a tódolos os efectos a futuro (tempo de traballo aos efectos de concursos de traslados, por exemplo).
    • No tocante aos prazos de resolución dos procesos de estabilización en Xunta do A1 e A2, non facilitan datas concretas aínda que din que tratarán de axilizalos o máximo posible.
      • Dende UGT indicamos que moi posiblemente o proceso se engarce co resultado do concurso de traslados dos corpos xerais da Administración, en tanto que semella lóxico que as resultas deste sexan as que operen nas distintas ofertas dos procesos selectivos, sexan os anteriores á Lei 20/2021 como aos ligados ao desenvolvemento da mesma norma.
    • Procesos  de funcionarización/promoción específica:
      • Concretan que as prazas afectadas pola estabilización están incluídas na OPE de 2024 aos efectos de participación na súa funcionarización.
  • Complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral
    • A dirección de GAIN confirma que todo o persoal do Ente Instrumental (con independencia de onde preste servizo) será incluído no complemento de desempeño da norma que regule o proceso para a Administración xeral, a través da súa inclusión por unha disposición adicional na normativa a negociar cos sindicatos na Mesa Xeral, na convocatoria dos graos extraordinarios pendentes de negociación.
      • Dende UGT consideramos acertada a proposta e así a apoiaremos cando se formule no ámbito que corresponde.
  • Solicitude de xuntanza informativa para todo o persoal afectado
    • Dende UGT solicítase o compromiso dunha xuntanza, no mes de marzo, da dirección con todo o persoal afectado no proceso de estabilización para que podan expresar as súas dúbidas e inquedanzas e ser informados de primeira man.