Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe comenzamos por examinar o borrador da Orde pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2023-2024 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
En exposición previa por parte da administración, comezan por dicir que se aplicará a flexibilidade na entrega das programacións de cursos pares. En referencia ó segundo curso de bacharelato e probas ABAU, a redacción é aberta para concretar máis tarde. Con respecto ó artigo 8 sobre conmemoracións, salientan que son de carácter voluntario para os centros e que se poderá seleccionar de acordo cos proxectos educativos dos centros. Por ese motivo o anexo I ten carácter orientativo. No artigo 9, a sesión de avaliación inicial enténdese que abranguirá todas as etapas. Con respecto ó artigo 12, salientan a importancia de aclarar que o 20 de xuño ten carácter lectivo.
Agradecemos que a Orde de Calendario se traia á Mesa máis cedo que noutros anos, pero lamentamos que non se dea lugar a unha revisión a fondo para racionalizar o calendario escolar máis alá das festividades relixiosas. A seguinte consideración xeral que facemos chegar dende UGT é que resulta de todo innecesario aumentar o número mínimo de días lectivos. Consideramos negativo empezar as clases ademais un venres 8 de setembro sendo, ata o de agora, das comunidades autónomas que antes comeza o curso escolar. Propoñemos que o curso comece o 11 de setembro e que se respete o tempo necesario de coordinación e preparación do curso para o profesorado. A administración avense a modificar a data do borrador e comenzar o día 11 de setembro trasladando o fin de curso ó 21 de xuño.
Neste senso, é imperativo a redución da xornada docente ás 21 horas en primaria e 18 na secundaria. Galicia é unha das poucas comunidades nas que aínda non se recuperou este horario. Cal é a explicación? Negámonos a seguirlle o xogo á Consellería que está na liña de programar o ensino público como servizo de carácter asistencial para o coidado de menores.
Como críticas xerais á Orde de calendario plantexamos ademais as seguintes dificultades que nos anticipan claustros de ensinazas de secundaria e de FP ou EOI. Entendemos que causa problemas porque non respeta o carácter diferenciado destas ensinanzas (periodos de prácticas en empresas, probas de nivel, probas libres…).
Nas Escolas Oficiais de Idiomas debería estar contemplado o período de realización das probas libres. Levamos dous anos suspendendo as clases en febreiro para o alumnado oficial co consecuente prexuízo no desenvolvemento da actividade lectiva. Do mesmo xeito que se contemplan os tempos para a realización das probas nas convocatorias ordinaria e extraordinaria, deberíase contemplar este aspecto. Ademais, o calendario debe dar cabida ás probas de clasificación. Definitivamente, hai aspectos dos ensinos de réxime especial que non se teñen en conta. Na Eoi para as probas libres non mandaron persoal de reforzo para administrar as probas, polo que profesores doutros departamentos tiveron que administrar e corrixir exames tipo test de galego. Por último, nalgúns casos, o alumnado que reclamou a súa nota de convocatoria ordinaria non obtivo a resolución administrativa a tempo e veuse obrigado a presentarse igualmente á extraordinaria sen saber se aprobou. Unha racionalización dos tempos evitaría todas estas problemáticas que antes non se daban. A administración responde que é consciente deses problemas e o trasladará ó servizo correspondente para buscar solucións.
No caso dos CMUS, tendo en conta as esixencias do calendario habitual en función das datas que marca a orde, habería departamentos, como por exemplo para o Departamento de Teclado e piano de acompañamento, cunha marxe totalmente insuficiente para preparar o incio do curso. A administración responde que non é coñecedora destas queixas e que esperan a que lle pasemos unha información máis detallada para valoralo.
Por último, antes de abordar o articulado do calendario do vindeiro curso, comezamos por transmitir a preocupación dos docentes en canto aos cambios que houbo xa neste curso. En Secundaria a maior preocupación céntrase no remate do curso actual coas probas extraordinarias e coa planificación para o alumnado que teña todas as materias superadas na avaliación ordinaria.
En canto ó articulado da Orde propoñemos as seguintes correccións:
Art. 4.2. “As direccións remitirán as programacións didácticas á Inspección educativa, antes do día 20 de setembro”… Se o profesorado se adica as reunións, aulas, expedientes, familias, non queda espazo para a elaboración das programacións sobre todo para os cursos pares que afrontan este ano o novo currículo. Neste senso a administración indica “de palabra” que se flexibizarán os prazos. Nos demandamos que esa ampliación se faga constar por escrito ata finais do mes de decembro. A administración acepta esta suxestión e comprométese a deixar esa instrución por escrito na Orde para evitar diferenciacións. Con respecto á formación, indica que ademáis de manter aberta a formación en liña se está a rematar unha guía da que disporemos dende maio.
Artigo 4.5 “Os centros docentes … poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado matriculado no cuarto curso da etapa de infantil, que no se prolongará máis alá do día 15 de setembro de 2023”. En primeiro lugar, reiteramos que non é de recibo deixar nas mans dos centros a decisión de ofrecer ou non un periodo de adaptación. Isto podería levar a presións das familias e comparacións entre centros que non ocorren cando a escolla parte da Consellería. Cando expresa “garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias ou representantes así o soliciten”. Nos centros de ensino non poden primar as necesidades de conciliación sobre as pedagóxicas. En segundo lugar, 6 días de adaptación son totalmente insuficientes para organizarse en aulas numerosas, polo que solicitamos que o período poida prolongarse ata finais de setembro segundo a situación específica de cada aula. A administración manifesta que non vai contradecir a orde de infantil e que a maioría dos alumnos xa veñen de estar escolarizados.
Artigo 5 Malia as aclaracións da administración que salientan o carácter orientativo dos días conmemorativos, gustaríanos que se incluira un ou varios días de referencia para traballar a igualdade e dereitos do colectivo LGTBI. Deixar sen fixar a data podería contribuír a que pase desapercibida e non estamos dispostos a dar pasos atrás nese sentido. A administración manifesta que non é de recibo listar todos os días apropiados toda vez que o anexo é orientativo e non supón unha listaxe pechada.
Artigo 10 Servizos complementarios. Manifestámonos en contra de que as necesidades de aforro no transporte escolar condicionen o horario dos centros por encima das motivacións pedagóxicas. Ante estas reflexións, a Administración resposta que conta coa rede de transporte máis cara e máis extensa. Esta organización tan detallada non é sinxela nin se pode cambiar para cada centro.
Artigo 11 Sesións de avaliación final “Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación final, ou de ser o caso, de avaliación final ordinaria e final extraordinaria respectando os seguintes criterios” Entendemos que non cabe esa redacción e se debería redactar seguindo o espíritu da modificación publicada na ORDE do 27 de decembro de 2022 segundo a cal “a sesión da terceira avaliación parcial da educación secundaria obrigatoria deberá coincidir coa sesión de avaliación final”. A administración acepta mudar cara esta redacción.
Artigo 13.5 sobre o horario do profesorado “non poderá supor variación do número global de horas semanais” debería incluir “nin se poderá aumentar o número de xornadas partidas ou os turnos de tarde que xa se tiñan asignados” porque esas variacións si que afectan á organización da vida dos docentes. Esas mudanzas non se permiten noutros sectores da Administración nin na privada. A administración acepta mellorar a redacción para que non se poidan variar as quendas sen acordo previo co docente.
VARIOS
Achégase a etapa da supresión de aulas. Cremos que se deben aportar medidas para evitar o extensivo peche que podería darse de non baixar as ratios. Tamén pedimos que cando non quede máis remedio que recurrir á supresión se lle comunique ó interesado con tempo suficiente e durante o periodo de solicitudes do CADP.
Neste sentido trasladamos á administración o escrito da AFA da EEI de Gaioso para que se convoque a súa praza como definitiva porque a matrícula da escola así o permite.
Preguntamos cando se espera que se publique o PIALE no DOG. Confírmanos que a previsión é que se publique a semana que vén.
Pedimos que pase por Mesa Sectorial a Orde de Licenzas por formación que xa botamos en falta no curso pasado. A administración confirma que pasarán proximamente por Mesa Sectorial.
Para acceder ó contido completo preme no noso Informa-t