Sectores

Resumo da xuntanza criterios e buzóns con Función Pública (13/05/22)


O Director Xeral expón as alegacións aceptadas, como conclusión da reunión do mércores pasado, que podes ver no documento remitido para esta reunión no seguinte enlace:

Borrador de criterios comúns para a aplicación do proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade nas administracións públicas.

UGT expón que:

O título debe recoller o ámbito de aplicación da norma, incluíndo á Administración Xeral da Xunta de Galicia e os seus Entes Instrumentais.

No preámbulo consideramos que debe cambiar a consideración do carácter potestivo polo obrigacional de aplicación ao seu ámbito de aplicación, en consonancia co punto 4, no que se establece que os Entes Instrumentais que deben proceder á convocatoria dos procesos APLICARÁN os criterios que se teñan acordado na Comisión Superior de Persoal.

Recóllense as nosas alegacións ao respecto dos seguintes puntos:

  • Finalidade dos procesos.

  • Computo das prazas obxecto de convocatoria.

  • Concepto de natureza estrutural.

  • Quendas de discapacidade.

  • Compensación económica derivada da non superación do proceso.

  • Aplicación ao sector público.

Acéptanse parcialmente as seguintes alegacións:

  • Concepto de ocupación ininterrompida:

Propoñiamos o prazo de 3 meses ou outro maior a determinar en función da duración dos trámites administrativos e da resolución dos procedementos de cobertura por parte das Consellerías ou Entes Instrumentais.

Acéptase o dos 3 meses, non o inciso final que pretende abarcar circunstancias non previstas.

Non se aceptan as seguintes:

  • Articulación de ofertas:

Non se acepta incluír que a Xunta de Galicia asegurará o cumprimento do prazo establecido para a execución dos procesos selectivos mediante a adopción de medidas apropiadas para o desenvolvemento áxil dos procesos selectivos, tales como a redución de prazos, a dixitalización de procesos ou acumulación de probas nun mesmo exercicio, redución e simplificación de temarios naqueles procesos desenvoltos polo sistema de concurso-oposición, entre outras.

  • Requisitos temporais:

Propoñíase a transcrición do literal da Resolución da Secretaría de Estado de Función Pública, ao respecto da aprobación, publicación e resolución dos procesos.

  • Procesos derivados do artigo 2:

Non se admite que nas convocatorias se determine a nota de corte.

  • Fase de oposición:

Non se admite que as preguntas tipo test non respondidas correctamente non desconten.

  • No apartado dos procesos derivados da disposición adicional sexta e oitava, falta engadir a sétima para aludir aos entes instrumentais.

  • En canto ao ofrecemento previo das prazas a un concurso de traslados:

Corresponde citar a necesaria coordinación entre os procesos selectivos e de provisión.

  • Comunicación ao traballador:

Seguimos opinando que haberá problemas, en tanto que existen prazas sen código de RPT que son de difícil identificación nunha listaxe xenérica a través do DOG, considerase que procede a comunicación fehaciente ás persoas.

  • Identificación na convocatoria das prazas para ofertar:

Débese engadir a disposición adicional sétima.

  • Toma de posesión e cesamento do interino:

Non estamos de acordo con que non se admita a posibilidade de integración nas bolsas das persoas que non superen os procesos derivados das disposicións adicionais e se restrinxa só para os procesos do artigo 2.

  • Negociación do desenvolvemento dos procesos selectivos:

Ao respecto dos Entes Instrumentais consideramos que se deben establecer os criterios de quen convoca, para elo propoñemos que sexan convocados conxuntamente coa administración xeral aqueles que están integrados, deixando os non integrados (AGADER, AGACAL, IGAPE, por exemplo) e os do artigo 45. b para a convocatoria polo propio ente.

UGT considera que co obxectivo marcado no Acordo de concertación do 7% de taxa de temporalidade, logo do desenvolvemento dos procesos selectivos consonte á aplicación da Lei 20/21 a Administración debería marcarse un novo obxectivo non maior do 5%, para non volver a caer no mesmo erro e que a alta taxa de temporalidade se volva a repetir de forma cíclica. Está ben remitir ao Estado como culpable pola taxa de reposición, pero todos as Comunidades Autónomas foron e son partícipes, non recoñecelo é mentir.

Aclaracións posteriores, do Director Xeral, ás cuestións formuladas polas Organizacións Sindicais, logo da quenda de intervencións:

  • Baremos dos procesos:

    • Afirma que non corresponde neste momento entrar á súa negociación. A determinación dos mesmos, tocará cando se vexan as distintas convocatorias. Entende que por cuestión de cautela é prudente ir analizando o que se está a facer noutras Comunidades Autónomas. Ata o de agora as poucas administracións que están publicando, establecen algunha cuestión que na súa opinión vai contra a xurisprudencia existente respecto á valoración dos servizos prestados nunha administración fronte a outras.

    • Indica que intentarán dar a maior seguridade xurídica aos procesos, de conformidade co que establece a xurisprudencia, para a cuestión de modular as puntuacións dos servizos prestados nesta Administración fronte aos prestados noutras, ao igual que nos entes propios.

    • Negociarase un mesmo sistema de méritos para todos os subgrupos ou grupos de persoal funcionario e laboral, intentando que sexan os mesmos ou con pequenas variacións, entre os dous sistemas de acceso.

    • Anuncia que no mes xuño haberá unha primeira reunión con cuestións sobre o baremo.

    • O luns remitirán o documento de criterios de Oferta de Emprego.

  • Requisito lingüístico:

    • Maniféstase partidario de facer o que se está a facer ata o de agora no ámbito de función pública, isto é a súa esixencia como requisito.

  • Período de interrupción dos 3 meses:

    • Non consta que exista xurisprudencia no sentido de poder levar máis aló dos 3 meses que inclúen no borrador. En sentido contrario o que lles consta é que cando a interrupución é superior a 1 mes ou 2, os tribunais consideran que hai perda do vínculo e polo tanto cese efectivo, o prazo na maioría dos casos non chega aos 3 meses.

  • Prazo da entrada en vigor da Lei (30/12/21) aos efectos da foto fixa da situación da temporalidade:

    • Entende que a interpretación feita axuda a diminuír a temporalidade.

  • A identificación das prazas:

    • Están traballando na mesma, pero no borrador non van a incluír máis que o que xa está.

  • Ofrecemento previo das prazas en concurso:

    • Revisarán a cuestión da oferta das prazas ocupadas polo persoal de maior a menor antigüidade na Administración. O que si teñen que ter claro é que non pode haber incremento de prazas, a ocupación de prazas debe corresponder coas prazas ocupadas por persoas interinas.

  • Sobre a petición de citar a quenda de promoción interna neste borrador:

    • Indica que nestes momentos o que produce este proceso extraordinario é unha ocupación con carácter fixo de moitísimas prazas da administración, polo tanto en moitas escalas haberá moi poucas prazas vacantes para ofertar ou por libre ou por promoción interna. O que está claro é que coa ocupación da oferta extraordinaria non poderá haber unha oferta ordinaria moi ampla, por sentido común, si se vai a cubrir ata un 93% de prazas con carácter fixo, vai a quedar un 7% de prazas. Verase coa oferta ordinaria.

    • Indica, a petición de UGT, que hai un 3% aproximado de renovación vexetativa que se verá na oferta ordinaria que poderían supoñer preto de 700 prazas na oferta ordinaria e os vindeiros anos a previsión de xubilación é maior. UGT insiste en medidas efectivas que permitan a promoción interna na ope ordinaria.

  • Sobre as prazas ofertadas e convocadas:

    • Indica que se vai o que literal a lei, onde o proceso non está rematado, pero xa saben que hai menos prazas aprobadas que ofertadas, esas prazas se están incluíndo.

  • Bolsas disposición adicional cuarta:

    • Aquí de entrada poden transcribir tal cal a redacción da Lei, pero formula, ao seu entender, varias dúbidas interpretativas:

    • Parece que quere dicir que nas bolsas poderá estar todo o aquel que participe no proceso selectivo, calquera opositor sexa ou non sexa interino

    • A norma regula tamén que, quen non habendo superado o proceso, non teña unha puntuación que a convocatoria considere suficiente. En principio parece querer referirse ao respecto da non superación de exame, para xerar o dereito á inclusión nas bolsas, consideran que de ser ampliada ás disposicións adicionais deberían poñerse puntuacións no concurso de méritos.

    • Valorarán incluír o parágrafo tal cal, pero a norma non é clara sobre a quen hai que incluír nas bolsas.

  • Persoal indefinido por vía de resolución administrativa:

    • Non procede a inclusión con esa redacción, en tanto que esa figura xurídica non existe, e ademais están incluídos por ser anteriores ao 01/01/2016.

  • Procesos conxuntos ou separados de Administración Xeral e Entes Instrumentais:

    • Fai alusión a unha necesaria reflexión sobre a conveniencia ou non de acumular por escalas e especialidades os procesos que se convoquen. A certeza de que se trata de procesos abertos e sen ningún tipo límite, pode levar a que as persoas soliciten, no caso de estar separadas as convocatorias, tanto prazas da bolsa da Administración Xeral como dos Entes Instrumentais e poda, por cuestión de méritos suficientes, conseguir praza tanto na primeira como en varios Entes, de darse esta posibilidade non se estaría a reducir a temporalidade, senón que se produciría unha acumulación de prazas por unha soa persoa. Reclama unha reflexión sobre esta cuestión.

    • En principio indica que todos os entes do 45.a, si se fará a oferta e convocatoria por parte da Dirección Xeral da Función Pública e será única, a dúbida é coa 45.b e algúns entes e especialidades, por saber si beneficia ou non ao obxectivo do proceso, non o teñen claro e están consultando con diversos entes.

    • Si é certo que na Oferta de Emprego vai a ir un cadro separado por cada Ente, coas prazas correspondentes, polo tanto a Oferta non vai a condicionar para poder adoptar a solución que se estime, a ser posible de forma consensuada coas Organizacións Sindicais.

  • Posibilidade de concursos previos:

    • Con carácter xeral a elección de destino se non houbo concurso previo, que se intentará coordinalos de habelos, a elección de destino será con carácter provisional.

  • Prazas da disposición adicional oitava:

    • Remitiron unhas novas instrucións ás Consellerías nas que constan 3 ou 4 requisitos, entre os que están que teñan dotación orzamentaria e que se tivese vinculación de relación temporal anterior ao 01/01/2016 e polo tanto pode ser vacante ou non os postos que se haxan ocupado con anterioridade, pero o último posto ten que ser vacante.

  • Petición de anulación da convocatoria dos procesos selectivos aprobados na Comisión de Persoal do 15/12/2021:

    • UGT no mes de decembro de 2021, cando se presentan as bases dos procesos selectivos de Guardacostas, Informática, Inx. Agronómica, Inx. Téc agrícola, Inx. Montes, Inx.Téc forestal, Inx. Industrial, Inx. Téc, Industrial, Arquitectura, Arquitectura Téc, Químicas, manifestabamos as nosas dúbidas de que existisen prazas vacantes suficientes sen afectación da Lei, que naquel momento estaba a punto de aprobarse no Parlamento Estatal e da que todos eramos coñecedores do seu impacto. A Dirección Xeral da Función Pública, e así ten que estar recollido nas actas, respondeu tanto en Mesa Xeral como na Comisión de Persoal, que había prazas suficientes para realizar os procesos sen que se visen afectadas as persoas susceptibles de amparo da nova situación que xeraba a nova Lei. 

Chegados a este punto e cando son remitidos os buzóns de postos obxecto de aplicación da norma, atopamos determinadas prazas coa indicación de praza convocada en proceso selectivo, o que ven a cambiar a situación das prazas e polo tanto das persoas obxecto de estabilización, que ven negada a posibilidade de acceso polos sistemas previstos agora pola Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Como consecuencia e dado que o problema xa foi exposto reclamando solución e seguen a non aportar ningunha, UGT anuncia que presentará escrito solicitando ANULACIÓN das convocatorias, en tanto que si ben que foron publicadas, non hai listados definitivos e polo tanto non hai terceiros que puideran considerar vulnerado o seu dereito ao acceso, posto que en todo caso se podería entender como expectativa de dereito, pero non consolidada.

  • En resposta ao anterior, comenta o Director Xeral, que si ben todos aqueles que lexitimamente entendan vulnerado o seu dereito poden impugnar, para proceder á anulación de oficio tal e como se solicita, habería que levalo a Consello Consultivo e ter motivo de anulación, cuestión que estima que non existe. Estudiarán a petición formulada por UGT ao respecto da cuestión e responderán nos vindeiros días.

BUZÓNS DE POSTOS

Con carácter xeral veranse os buzóns coas convocatorias e a oferta levará a previsión de posibilidades de modificacións.

Informa que estanse a revisar as alegacións presentadas polas Organizacións Sindicais que afectan a varios centos de postos.

Formula as seguintes cuestións ás Organizacións Sindicais para a súa consideración:

  • A inclusión das prazas de Medio Rural provenientes de SEAGA, van a intentar si é posible xuridicamente incluílas nos buzóns, polo revisado a maioría cumprirían os requisitos da disposición adicional sexta, ao seu entender.

  • Dado que se parte da premisa de dar a mesma valoración aos servizos prestados na condición de persoal laboral e funcionario, derivado da unificación de listas, a idea que se propón é todas as prazas de persoal laboral da disposición transitoria décima, do VCCU, tanto da primeira como segunda parte se oferten á estabilización como prazas de persoal funcionario, entenden que o persoal sae beneficiado nos procesos.

  • Prazas de TECNOPOLE:

    • A entidade certifica que son prazas indefinidas, en concepto de fixo, non son temporais.

  • Promoción interna horizontal cruzada:

    • Ao igual que refire a posibilidade da funcionarización da DTª 10ª, primeira e segunda parte, consideran incluír un proceso de funcionarización, para as prazas dos últimos procesos de persoal laboral (OPE do ano 2017), estima poden ser no entorno das 100 prazas.

CONSIDERACIONS SOBRE OS BUZÓNS POR UGT:

  • TECNOPOLE:

Entendemos, tanto polo que nos chega dos traballadores como polo explicado hoxe, que efectivamente non é obxecto de aplicación da norma.

  • Buzón de administración xeral:

Requirimos o exposto sobre os procesos convocados de enxeñerías.

  • Buzón do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:

    • Consideramos un erro de base o non ter sido revisadas as alegacións presentadas en setembro do ano pasado

    • Problema coas prazas en ”encomenda”:

      • A aplicación dunha figura, inexistente tanto no VCCU como na LEPG e no EBEP, leva a que agora xurdan os problemas. Pode existir persoal en encomenda que non conste no posto no que está a prestar servizo, pode ser tamén que conste no seu centro de orixe, pode ser que conste nos dous, un desaguisado…

      • Requirimos unha listaxe de persoas en encomenda no que apareza referenciada a praza de orixe e a de destino actual.

    • Requirirmos que se cumprimente a folla de datos correspondente a prazas da disposición adicional oitava.

    • Aclarase o tema das titulacións das persoas que ocupan postos de educadora.

  • Buzón de SEAGA.

    • Preocupa a interpretación a realizar sobre a DA 8ª en 18 postos que tiñan o seu contrato suspendido, dende o ano 2019, e estaban ocupando na empresa outro posto que consideramos debe ser o ofertado ao proceso, por coincidir coa entrada en vigor da Lei, tal e como así manifesta Función Pública que debe ser.

ROGOS E PREGUNTAS:

Todas as Organizacións Sindicais solicitamos información sobre:

  • Datas dos procesos da Lei 17.

  • Destino definitivo de persoal subalterno de discapacidade intelectual.

  • Que pasa cos procesos selectivos que levan meses parados na fase de concurso como corpos xerais, tanto de libre como de interna, ope social?

  • Decreto de flexibilidade, en xuño do 21 foi a Mesa Xeral, se presentaron alegacións, sen responder, se remite por Función Pública o mesmo documento sen explicacións sobre as alegacións. Debería volver á Mesa Xeral, ou cando menos unha mesa previa para tratalo.

  • A promoción interna horizontal que acaba de anunciar, vai máis aló dos procesos recentes da OPE do 2017 en afectación ás prazas da 2ª parte da DTª 10ª do VCCU?

DXFP informa do seguinte:

  • Modificación sobre o arquivo de Entes Instrumetais remitido, hai uns organismos que no deberían estar: CTRVG, Fundación Semana Verde de Galicia, Xes Galicia, Fundación Pública Artesania de Galicia, TECNOPOLE, SPI Galicia, Fundaión Rof Codina. Fundación Camilo José Cela, Fundación Pública Galega de Formación para o Traballo y la Fundación CETMAR, algún non lle corresponde por ámbito e os outros por certificaron que non teñen prazas afectadas.

  • Confirma que a FUNGA remitiu hoxe os datos.

  • Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar: Remitíronse desde o Consorcio hoxe os datos corrixidos ou modificados, o revisarán e o luns enviarase de novo ás Organizacións Sindicais.

  • Promoción Interna horizontal (funcionarización): publicarase unha quenda dos procesos da OPE 2017 2ª parte DTª VCCU, pero tamén para aqueles casos que ata o de agora non cumprían os requisitos de funcionarización e agora pola vía da promoción interna horizontal podan pasar a persoal funcionario.

INFORMA-T

 

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.