O obxecto deste protocolo é actuar contra a violencia de xénero na contorna laboral incluída no seu ámbito de aplicación, que comprende todo acto de violencia física ou psicolóxica, as ameazas e as coaccións.
Neste protocolo establécese o conxunto de medidas que inclúen aspectos informativos, laborais, económicos, preventivos, asistenciais, así como formativos e de sensibilización, para contribuír á erradicación da violencia de xénero, en todas as súas manifestacións, e establecer os procedementos para facilitar a protección e asistir ás empregadas públicas da Administración xeral da Xunta de Galicia incluídas no ámbito de aplicación deste protocolo, que sexan vítimas de violencia de xénero.
Este protocolo será de aplicación a todo o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público sinaladas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.