UGT solicita a apertura dunha negociación de condicións de traballo, para o persoal da Inspección de Servizos Sociais, que contemple as circunstancias específicas e concretas nas que se debe desenvolver o seu traballo.
UGT pon de manifesto, ante o órgano máximo de persoal da Consellería de Política Social e a Dirección Xeral da Función Pública, a problemática existente na que están a desenvolver o traballo as persoas que conforman a Inspección de Servizos Sociais, e o intento de busca da solución a través dun acordo de condicións de traballo que regule e determine a especificidade das súas funcións.
Desde a súa creación, no ano 2006, a actividade inspectora organízase de conformidade coas directrices acordadas no plan anual de inspección, documento no que consideramos que se da prioridade a criterios cuantitativos en relación a obxectivos que persigan a calidade na prestación dos servizos. Neste Plan fíxanse os obxectivos anuais da Unidade en relación cos servizos existentes no momento no que se elabora. Non obstante non é negociado nin consensuado coas organizacións sindicais nin co persoal inspector polo que en moitos casos a planificación non é realista e mesmo recolle certos aspectos controvertidos.
UGT entende a elaboración do Plan de inspección, como o eixe vertebrador que debera mellorar a capacidade organizativa da Consellería e dotalo das ferramentas necesarias para que as competencias se desenvolvan coa eficacia e a eficiencia debidas. O persoal de inspección ten demandado en numerosas ocasións e por diferentes canles a súa disposición para realizar propostas e/ou suxestións a calquera determinación relacionada cos servizos sociais que estime a Consellería, e sempre en procura dunha mellora destas prestacións, porén a Consellería mostrase displicente a respecto das necesidades de mellora da prestación dos servizos sociais e a respecto das achegas dos seus empregados e empregadas públicas ás que despacha con subterfuxios cada vez que se realizan achegas documentais sobre, os incumprimentos legais por parte das entidades, os incumprimentos legais por parte de responsables de unidades administrativas, propostas de defensas dos intereses públicos e en definitiva, cando se propón a defensa dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais. A resposta da Consellería ás achegas formuladas nunca ven polo diálogo, a razón, os argumentos. Só atopamos o pasotismo e o silencio, actitudes que fan que existan filtracións das inspeccións que se fan chegar a algúns centros privados, con carácter previo ao da súa realización, cuestión extremadamente grave e que pon en perigo a eficacia da propia función.
Ante esta situación, consideramos imprescindible establecer os principios e mecanismos que garantan unha adecuada coordinación entre as actuacións que se desenvolvan nas diferentes áreas en que se organiza a Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais (Servizo de Inspección de Familia e Menores; Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia e Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión). Así como tamén o é a participación do persoal inspector no seu deseño.
UGT considera necesario ter en conta as condicións na prestación dos traballos, derivadas de aspectos organizativos e funcionais. A dispoñibilidade para a realización efectiva de actuacións fóra da xornada habitual e as singularidades da xornada, entre outros aspectos, considéranse unha condición inherente ao desempeño das funcións dos postos de traballo con función inspectora.
Finalmente cómpre incidir en que se precisa de forma urxente dotar á Unidade de recursos humanos suficientes e axeitadamente formados así como con medios materiais e loxísticos necesarios para o desempeño das súas funcións.