A CIG elevou ó Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) un procedemento de mediación de axuste á alza das retribucións inferiores ao SMI. Esta reunión finalizou tendo como resultado o seguinte ACORDO entre o resto das partes intervenientes:
“As partes acordan que nas táboas do convenio colectivo, de acordo co SMI, figure un “salario mensual” de 950 euros e un “salario anual” de 13.300 euros, para aqueles salarios cuxa contía no convenio colectivo sexa inferior. O CPP quedará como está na actualidade. Todo iso con efectos do 1 de xaneiro de 2020. Os atrasos abonaranse, se os houbese, ata o último día do mes seguinte ao da publicación das táboas salariais no BOE”
Como se pode ver o incremento dos que están por debaixo do SMI e os atrasos quedan condicionados a que se asinen as táboas salariais.
A CIG promoveu e asinou este acordo máis non firmou as táboas, aludindo razóns que ninguén entende; asinan o acordo pero como non asinaron o convenio non se ven obrigados a asinar as táboas (parece un trabalinguas); deixando, pola súa parte, sen efectividade, o acordo acadado no servizo de mediación.
CCOO elevara outro procedemento en paralelo tamén ao SIMA, onde pedía un diferencial salarial das educadoras coas auxiliares por diferenza de categoría respecto das compañeiras que subían ó SMI. CCOO, como propuxera un procedemento propio, non asinou o anterior. E este procedemento, o de CCOO, atopouse co rexeitamento frontal das patronais e tampouco se asinou.
A UGT participou responsablemente na negociación das táboas de Infantil (como xa o fixera na negociación e desbloqueo do XII convenio de educación Infantil) co fin de non perder a oportunidade de adaptar as nóminas ó SMI. Pero como CIG non asinou e CCOO condicionou a súa sinatura a manter un diferencial maior das educadoras coas auxiliares, uns por outros, as táboas non se asinaron.
Os compañeiros da CIG e CCOO terán que dar as explicacións oportunas pero a realidade e que AS TÁBOAS NON SE ASINARON E XA VAI MÁIS DUN ANO.