Permisos para acudir a votar
O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 9 de xuño de 2024, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.
PERMISO PARA VOTO POR CORREO. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo así como para a remisión do voto por correo.
PERMISO POR SER DESIGNADO/A INTERVENTOR/A OU APODERADO/A. O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e as/os que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
As/os que acrediten a súa condición de apoderadas/os teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.
A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderadas/os realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.
PERMISO POR SER DESIGNADO/A CANDIDATO/A. O persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, que se presente como candidata/o ás eleccións que terán lugar o vindeiro 9 de xuño, poderá ser dispensado/a, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir,
desde as cero horas do venres 24 de maio de 2024 ata as vinte e catro horas do venres 7 de xuño de 2024.
Acompetencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería ou órgano directivo correspondente da respectiva entidade pública instrumental.
As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos exixiran os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.