UGT ven de dirixir un escrito á Dirección Xeral da Función Pública para facer chegar a quen corresponde que tras a publicación das fases de concurso da denominada OPE Social nas categorías fisioterapeuta, psicólogo e educador social, queremos reiterar as seguintes consideracións:
De conformidade coas informacións achegadas por persoas interesadas no procedemento selectivo, temos constancia de erros importantes na valoración de méritos sobre todo no apartado da experiencia profesional.
Segundo ás convocatorias debería ser valorada a prestación dos servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, aos que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en calquera Administración pública.
UGT ten constancia de que os certificados realizados por parte de algún organismo, tal é o SERGAS, non incluído no catálogo de servizos sociais, nalgunha das súas Xefaturas Territoriais emitiron certificados que reflicten a súa pertenza ao citado catálogo, sendo esta circunstancia un claro erro que implica seguras baremacións que, presuntamente, mudarán a realidade do baremo final.
A maiores na categoría de fisioterapia dase a situación que as prazas en centros de educación aparecen nos buzóns de postos da lei 20/21 como xa convocados en estabilización pero a experiencia nestes centros valoraselle no apartado B a metade dos servizos prestados no apartado A.
Para UGT non é comprensible que tras máis dun ano de espera para a publicación da baremación da fase de concurso, as persoas aspirantes se encontren con erros onde persoal que traballou unicamente no SERGAS se lle puntúa como tempo traballado en organismos pertencentes o catálogo de servizos sociais.
Todo isto crea unha situación de desigualdade e impotencia, onde as persoas opositoras ven como unha incorrecta interpretación das bases do baremo, por parte de quen corresponde a vixilancia da aplicación da orde de convocatoria, levará consigo que outra persoa compañeira, sen corresponderlle por aplicación estrita da norma, pode facer que a súa opción de coller praza se perda ou a súa posición na toma de destino mude substancialmente.
Por todo o anterior UGT solicitou que se proceda á revisión de oficio, sexa o tribunal ou a mesma Dirección Xeral da Función Pública, dos certificados de experiencia profesional, aportados polas persoas aspirantes, anulando todo certificado de organismos que non pertencendo ao catálogo de servizos sociais este marcado como tal ou a súa valoración no apartado correspondente. Evitando a xudicialización e eternización duns procesos tan confusos como estamos a vivir.