O Tribunal Supremo determina que o acompañamento a fillos/as e familiares para asistencia sanitaria non pode contemplarse dentro dos supostos do artigo 37 ET.
Este artigo contempla un suposto concreto no que se ten dereito a permiso retribuído no caso de enfermidade dun familiar:
– Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario, de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (Art 37. 3. b) ET).
Con todo, queda claro que en ningún destes supostos podería incluírse o acompañamento para asistencia sanitaria a fillos/as ou familiares. De maneira habitual, entendeuse que si podería estar dentro do apartado d) deste mesmo artigo, no que se refire a cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal.
Na Sentenza do Tribunal Supremo 1098/2020, 9 de decembro de 2020, exponse, por mor dunha cláusula de Convenio Colectivo, onde se establece un permiso non remunerado con recuperación de horas, si esta disposición podería non ser legal tratándose en realidade dun permiso remunerado por ser un deber inexcusable.
En concreto, este Convenio Colectivo establecía o seguinte:
“Permiso para o acompañamento aos servizos de asistencia sanitaria de fillos e fillas menores de 14 anos e de parentes maiores de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que non podan valerse por si mesmos, polo tempo indispensable por tratarse de permisos non retribuídos, o traballador ou traballadora e a empresa poderán establecer mecanismos de compensación horaria».
Exponse recurso de casación ante o Tribunal Supremo pola parte sindical, posto que a Audiencia Nacional, determinara que esta cláusula estaba dentro da legalidade e efectivamente podería tratarse dun permiso non remunerado.
O que se aborda é, se en realidade o art 37.3 d) ET, debería comprender este permiso de acompañamento a menores e familiares como deber inexcusable e, por tanto, remunerado.
Segundo o disposto neste artigo deben darse unhas circunstancias concretas para que o permiso poda considerarse desta índole:
a) que sexa inescusable;
b) que sexa de carácter público;
c) que sexa de carácter persoal.
Para o Tribunal Supremo estes permisos por acompañamento non poden circunscribirse no ámbito de aplicación do art 37 ET, posto que os deberes que xorden do acompañamento a fillos/as ou familiares para asistencia médica non obrigan á súa prestación persoal e intransferible a outro suxeito, ademáis non poden considerarse de carácter público, debido a que son deberes pertencentes ao ámbito privado e familiar, xurdidos das relacións de filiación ou do deber de alimentos entre parentes en sentido amplo.