O Ministerio de Educación e Formación Profesional reuniu onte, xoves 26 de maio, ás organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Docente non Universitario para abordar o futuro Real Decreto polo que se regula a integración do profesorado do corpo para extinguir de Profesores Técnicos de Formación Profesional ( PTFP) no corpo de profesores de Ensino Secundario.
UGT reclamou que o Ministerio considere algunhas cuestións que deben ser obxecto de revisión. En relación aos prazos do procedemento, solicitamos que exista unha coordinación entre as Administracións educativas, para que poida celebrarse o procedemento en todas as CCAA tras a publicación do Real Decreto, e que se inclúa un prazo máximo, que pode ser de 20 ou 30 días, que garanta que os procedementos se convoquen. O Real Decreto limita o período para a integración ao 19 xaneiro de 2026; a xuízo de UGT, debería articularse unha modificación normativa que permita que este prazo sexa indefinido.
Ademais, o profesorado técnico de Formación Profesional que non ten titulación universitaria, pero que opta a ela, debería ver recolleitos no Real Decreto cuestións que lle permitan ter un desenvolvemento profesional mediante o recoñecemento de parte dos créditos necesarios para obter o título de grao a través da convalidación da experiencia laboral e docente. Tamén reclamamos para este profesorado unha redacción máis precisa que garanta o seu dereito sobre a adquisición de novas especialidades e sobre a mobilidade no concurso de traslados.
Preocúpanos que este desenvolvemento normativo coincida cos procesos de estabilización, sobre todo para o profesorado interino daquelas especialidades que pasaron a Secundaria que non teñen titulación universitaria, e que non se puideron presentar a oposicións porque non se convocaron nos últimos anos. Un profesorado do que o noso sistema educativo non pode prescindir, e para o que solicitamos que se estableza un período transitorio, tal e como se facía en normativas anteriores, que permita que este profesorado poida presentarse aos procesos selectivos e poida permanecer nas listas de interinos.
Por último, desde UGT plantexamos a necesidade dunha negociación máis ampla, onde se aborde a integración no Subgrupo A1 do corpo de Mestres de Taller de Artes Plásticas e Deseño, así como do corpo de Mestres, e tamén a revisión dos corpos de Ensinos Artísticos para que o profesorado que imparte ensinos superiores de Grao e Máster poida ter o recoñecemento que merece e onde o Ministerio aborde a equiparación salarial do Profesorado Técnico de FP que non se integra no corpo de Secundaria.
O Ministerio deu resposta a algunhas das cuestións expostas polas organizacións sindicais, pero non foron receptivos na posibilidade de ampliar o prazo do 19 de xaneiro de 2026 para a solicitude de integración ao corpo de Secundaria e non contempla incluír ningunha excepcionalidade mediante un procedemento transitorio que permita que o profesorado poida participar nos procesos selectivos e permanecer en listas de interinidade.
Podemos concluír dicindo que o Ministerio non foi receptivo a cuestións ao noso xuízo importantes, situación que rexeitamos. Seguiremos reivindicando estas e outras cuestións nos órganos de representación correspondentes, que plantexamos co respaldo dos nosos servizos xurídicos, porque mellorarían a situación de moitos traballadores e traballadoras da Formación Profesional.
Coñece todos os detalles no noso Informa-t e visuliza a nova na páxina da UGT-SP a nivel federal.